O historiador Manoel Carrete presenta o seu novo traballo sobre a emigración galega en Cataluña

A publicación conta cun amplo material extra composto de fotografías e pinturas inéditas de Tiberio Ávila sobre a comunidade galega en Barcelona.

Listen to this page using ReadSpeaker
10 de novembro de 2010.

O historiador galego Manoel Carrete presentará este mes o libro La inmigración gallega en Cataluña: Irmandade A Nosa Galicia. A publicación conta cun amplo material extra composto de fotografías persoais e pinturas inéditas de Tiberio Ávila, un dos nomes de referencia cando se trata de coñecer a historia da colonia galega en Barcelona.

A obra de Carrete saca á luz novos datos sobre a diáspora a Cataluña, ademais de facer un repaso sobre as entidades galegas na comunidade mediterránea.

Polo seu labor de investigación, o historiador recibirá o "Alecrin Dourado", galardón que concede a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña (Fegalcat) por primeira vez. Tamén serán galardoados o director do programa Lonxe da Terra, Manolo Valdés, e a poeta mexicana de orixe ourensano Pura Salceda.

O galardón foi creado para recoñecer o labor intelectual de persoas que se destacan en temas relacionados con Galicia. O acto de entrega terá lugar o 12 de novembro no Auditorio Municipal da Llagosta.

1909 lecturas