Vázquez Abad presidiu no Museo do Pobo Galego o acto de depósito da Medalla de Ouro de Barcelona concedida ao Centro Galego

Xesús Vázquez Abad destacou a importancia de que a Medalla do Mérito Cívico estea depositada nunha institución esencial para a memoria da nosa terra para dar a coñecer a importancia da Galicia exterior.

O conselleiro de Cultura, o secretario xeral da Emigración e os presidentes do Museo e do Centro Galego. Foto: Ana Varela.
O conselleiro de Cultura, o secretario xeral da Emigración e os presidentes do Museo e do Centro Galego. Foto: Ana Varela.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2013.

O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu o acto de depósito da Medalla de Ouro ao Mérito Cívico. Unha distinción outorgada en datas recentes polo Concello da Cidade Condal polo conxunto da traxectoria do Centro Galego de Barcelona durante os seus 120 anos de historia. O acto tivo como protagonistas aos máximos representantes de ambas as dúas institucións: o presidente do Centro Galego, Manoel Carrete, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.

Na súa intervención, Vázquez Abad fixo fincapé na importancia do Centro Galego de Barcelona como aglutinante dunha comunidade galega activa e dinámica que axudou tanto á construción social, económica e política de Barcelona, como a crear pontes entre Cataluña e Galicia, dando a coñecer mellor e prestixiando a nosa terra na comunidade catalá. De feito, na concesión do propia medalla valorouse o papel representativo do Centro –tanto de Galicia como da propia Cataluña–, fóra do territorio destas comunidades, contribuíndo asemade a fortalecer os lazos entre ambas as dúas.

Sobre o simbolismo do acto, Vázquez Abad expresou que “a entrega ao Museo do Pobo Galego desta medalla ao Mérito Cívico reforza os vencellos desta galeguidade da que nos sentimos orgullosos.”

O Centro Galego de Barcelona
Constituído en 1892, o Centro traballa pola proxección da cultura e a identidade galega fóra da nosa terra, desenvolvendo unha ampla programación sociocultural e formativa. Esta institución comezou en marzo do pasado ano as actividades de conmemoración dos seus 120 anos de vida e a recepción desta Medalla de Ouro ao Mérito Cívico supuxo o mellor broche ao ciclo actividades conmemorativas. “Queda o galardón –dixo o conselleiro– a bo abeiro, e servirá para que os visitantes deste Museo do Pobo teñan unha visión mellor da galeguidade no seu conxunto.”

En imaxes
892 lecturas