As comunidades galegas en Cataluña comprométense a desenvolver accións concretas cara á unión de entidades nun curto prazo de tempo

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración ofreceu desde a Xunta o apoio loxístico necesario para acelerar o proceso.

As comunidades galegas en Cataluña comprométense a desenvolver accións concretas cara á unión de entidades nun curto prazo de tempo
As comunidades galegas en Cataluña comprométense a desenvolver accións concretas cara á unión de entidades nun curto prazo de tempo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse en Barcelona con representantes de comunidades galegas en Cataluña, ás e aos que transmitiu a necesidade de sumar esforzos como camiño para garantir a sostibilidade das entidades, e como vía para que a voz dos galegos e as galegas no Exterior cobre novos folgos.

As e os representantes da Galeguidade en Cataluña presentes na xuntanza coincidiron en que o amplo consenso e a unión efectiva son os únicos camiños para evitar a desaparición das comunidades en situación máis feble, e asumiron a posición de Miranda da necesidade de especialización, da que hai exemplos sobranceiros noutros lugares cunha ampla colonia galega.

Tanto o máximo responsable da Xunta en materia de Emigración, como as e os representantes da colectividade galega en Cataluña, coincidiron asemade en que o proceso de unión de entidades debe facerse de maneira voluntaria, pero por primeira vez se expresou a vontade firme de establecer accións para materializala, especialmente en Barcelona e a súa área metropolitana.

Calendario concreto
Nese sentido, as persoas representantes das comunidades galegas emprazáronse ante Miranda para novas xuntanzas, nas que se establecerá un calendario concreto de actuacións, e nas que se dirimirán as comunidades que deben asumir esa unión a curto ou medio prazo como camiño de futuro. Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración comprometeuse ao apoio loxístico por parte da Xunta en todo o que as entidades requiran, e estea na súa man.

Feira do Cocido, e Medalla de Ouro
Miranda asistiu no mediodía á presentación da Feira do Cocido de Lalín, acto que tivo lugar no Centro Galego de Barcelona, canda o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e tamén o alcalde da vila dezá, José Crespo.

Xa a última hora da tarde, as autoridades autonómicas devanditas asistiron á entrega da Medalla de Ouro ao Mérito Cívico, que lle vén de conceder o Ajuntament de Barcelona ao propio Centro Galego da capital catalá, acto que estivo presidido polo alcalde Xabier Trias.
 

906 lecturas