O especial “Historias de ida e volta” de outubro documenta a participación galega na construción da Canle de Panamá

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

Obreiros galegos en plena faena, ca. 1906. Fondo: University of Florida
Obreiros galegos en plena faena, ca. 1906. Fondo: University of Florida
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022.

A entrega de outubro do especial Historias de ida e volta, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, céntrase, nesta ocasión, na participación galega na construción da Canle de Panamá.
  
Entre o 1905 e 1914, 45.107 homes participaron na construción dunha das obras de enxeñaría civil máis coñecidas do mundo: a Canle de Panamá. A maior parte dos 8.798 españois que está documentado que participaron nese proceso eran galegos. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, documenta en vinte imaxes e documentos a historia da pegada galega na creación desta obra.

A sona de “duros e traballadores” que os emigrantes galegos acadaron na construción das obras ferroviarias da illa de Cuba fixo que houbera numerosas campañas de recrutamento para traballar na construción da Canle de Suez. De feito, entre os materiais que recolle a entrega número 22 do especial Historias de Ida e Volta atópase a carta que o enxeñeiro xefe John F. Stevens dirixiu ao presidente da Administración da Canle de Panamá, na que detallaba os preparativos para realizar a contratación de emigrantes españois e europeos. 

O especial chámase Galegos da Canle de Panamá, os mellores europeos do “Silver Roll”, e fai referencia ás dúas categorías da forza de traballo que existían e que estaban baseadas no sistema de pagamento salarial que implantaron os Estados Unidos para o proxecto da Canle de Panamá. Os da “gold roll” eran estadounidenses brancos cualificados (médicos, enfermeiros, patólogos, asistentes de laboratorio...), mentres que os da “silver roll” eran os traballadores de pico e pa. Nesta última categoría estaban os obreiros europeos e antillanos, englobados na categoría de “unskilledlaborers” ou obreiros non cualificados. Cobraban un salario en prata panameña e tiñan xornadas de 10 horas. Esta última condición foi variando en función da nacionalidade dos obreiros. Os galegos, por exemplo, percibían o seu salario en moeda de ouro. No especial hai imaxes que documentan os traballadores da "silver roll" nos vagóns nos que se repartían os salarios, é dicir, o "payday".  

Imaxes de listaxes de contratados que chegaron desde o Porto de Vigo, as prohibicións do Consello Superior de Emigración, as fichas de rexistro dos traballadores galegos na canle ou imaxes dos comedores e cuadrillas de galegos compoñen os materiais desta entrega. 

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 20 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

191 lecturas