A entrega de decembro do especial “Historias de ida e volta” documenta en vinte imaxes o retorno das e dos galegos do exterior

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

Asistentes ao Primeiro Seminario do Libro Galego posando diante dun mural de Luís Seoane no Castro (Sada, 1972)
Asistentes ao Primeiro Seminario do Libro Galego posando diante dun mural de Luís Seoane no Castro (Sada, 1972)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021.

A entrega de decembro do especial Historias de ida e volta, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, documenta, nesta ocasión, en vinte imaxes o retorno dos galegos e galegas do exterior.

Sería imposible entender a actualidade contemporánea de Galicia sen ter presente o fenómeno migratorio. No especial número 14 do proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración, ponse o foco na última etapa deste ciclo. Vinte imaxes e documentos serven para ilustrar o proceso de retorno e as consecuencias que tivo para as e os emigrantes e para Galicia.

Influencias culturais, a implantación de novos cultivos, a creación de teatros, escolas... son moitas e moi variadas as consecuencias do retorno das e dos emigrantes á súa terra natal, que traen aquilo que viron ou viviron durante a súa estadía no exterior. A décimo cuarta entrega do especial Historias de Ida e volta amosa en vinte imaxes algunhas das consecuencias do retorno que, aínda que sempre existiu, deuse de maneira máis xeneralizada a partir de 1973, coa crise do petróleo.

A pegada da emigración
Entre as imaxes que ofrece esta nova entrega está a de tres complexos culturais destacados. Un deles é o Laboratorio de Formas, creado en Arxentina en 1963 para “recuperar memoria histórica co fin de construír o futuro de Galicia”.  É a orixe de Sargadelos, das fábrica de Cerámicas do Castro, do Seminario de Estudos Galegos. No especial vese unha fotografía de tres intelectuais galegos retornados como Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor, e Alejandro Finisterre, xunto con outros que permaneceron en Galicia como Ramón Piñeiro ou Celestino Fernández de La Vega, diante dun mural de Luís Seoane, outra figura histórica.

Outro dos proxectos que se amosan é o Parque do Pasatempo en Betanzos, un parque temático enciclopédico onde se recollía todo o saber que un emigrando betanceiro, Juan García Naveira, foi asimilando nas súas numerosas viaxes. Chegou a ter unha superficie de 90.000 m2 que integraba un orixinal conxunto de arquitectura, escultura, cerámica e xardíns con especies exóticas. O Pasatempo propiamente abarcaba 8000 m2 distribuídos en cinco niveis conectados por escalinatas e pasadizos tortuosos a través de grutas artificiais. Polos paseos e avenidas proliferaban numerosas fontes e estanques cunha decoración moi barroca e ecléctica. Cunha función pedagóxica e simbólica, contaba con monumentos que representaban a canle de Panamá, a Gran Muralla chinesa ou a pirámide de Keops entre outros, ou estatuas de grandes figuras históricas, reproducidas para que fosen admiradas polos seus paisanos e paisanas. O especial tamén recolle o Teatro García Barbón de Vigo, que toma o seu nome do verinés que emigrou a Cuba e se converteu nun banqueiro e empresario de éxito. Tamén participou no desenvolvemento urbanístico da cidade coa construción dun grupo de magníficas casas na rúa que hoxe leva o seu nome. Participou no desenvolvemento urbanístico de Vigo, coa construción dun grupo de casas na rúa que leva o seu nome. Doou o solar para construír un gran teatro para a cidade que non chegou a ver. Trala súa morte, as sobriñas encargáronlle ao arquitecto Antonio Palacios un edificio inspirado na Ópera de París e no Teatro Arriaga de Bilbao, de estilo neobarroco e modernista que funcionaba como teatro, cinematógrafo, auditorio e casino e que hoxe en día continúa a ser un dos epicentros da vida cultural da cidade.

O retorno tamén deixou a súa pegada na transformación do sistema de alimentación e paisaxe agrario galego. O especial tamén dedica un espazo a falar do millo, cereal que procede de América. Segundo o Boletín de la Real Academia de Historia de 1953 chegou a Europa en 1604, pero existen varias teorías e numerosos estudos que nos falan sobre os pioneiros en traer dito cereal a Galicia, as zonas onde se plantou por primeira vez e o primeiro uso que se fixo do mesmo. A día de hoxe Galicia cultiva o 75% de todo o millo forraxeiro español. A gandería galega produtora de leite sustenta a súa alimentación a base deste gran como fonte de enerxía necesaria para a produción.

Un cheque como mostra das remesas ou envío de cartos dun país a outro, as fotografías das familias retornadas, ou casas con estética indiana son outras das imaxes que se recollen nesta nova entrega do especial. 

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En catorce especiais documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

473 lecturas