O especial “Historias de ida e volta” documenta a emigración galega a Estados Unidos

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos séculos XIX e XX.

Desfile do Día da Hispanidade polas rúas de Nova York, 12 de outubro de 1958
Desfile do Día da Hispanidade polas rúas de Nova York, 12 de outubro de 1958
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2023.

O especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, documenta nesta ocasión a emigración galega a Estados Unidos.   

Estados Unidos non foi un dos destinos prioritarios para a emigración galega, que tivo outras áreas receptoras máis importantes como Cuba,  Arxentina, Uruguai, Brasil ou México. Con todo, algúns estudos contabilizan entre 1900 e 1924 preto de duascentas mil persoas. “A emigración galega nos Estados Unidos” é o título do novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. Esta edición amosa en vinte imaxes e documentos algúns dos momentos da emigración aos Estados Unidos, que contou con nomes importantes como Castelao, Osorio-Tafall, José Rubia Barcia, Ramón Suárez Picallo ou  Lois Tobío, entre outros.

As barreiras lingüísticas e culturais desempeñaron un papel importante no proceso migratorio cara aos Estados Unidos. Ademais das restricións legais que limitaban o número de ingresos de cidadás e cidadáns procedentes de España, Estados Unidos é un dos destinos menos estudados da emigración española, en xeral, e da galega, en particular.  Esta nova entrega que profunda no fenómeno americano indica “unha característica peculiar da emigración galega a terras estadounidenses nos seus inicios: a re-emigración, protagonizada por varóns solteiros na procura de oportunidades laborais, previo paso pola illa de Cuba e outros países de América Latina” . Os traballadores galegos que cambiaron a industria tabaqueira da Habana pola creada en Tampa (Florida) son algún dos exemplos que se amosan. 

Nova York é un dos estados que máis emigrantes galegos e galegas aglutinou, xunto co veciño de Nova Jersey, aínda que tamén hai presenza galega en Luisiana e California. E Sada foi un dos concellos da costa coruñesa con maior taxa de emigración cara aos Estados Unidos

Como é habitual na emigración galega, creáronse sociedades para reforzar os vínculos identitarios, aínda que tiveron un formato máis modesto que os seus homólogos en América latina. “Ademais da emblemática Casa de Galicia de Unidad Gallega da área de Nova York (1940), as sociedades de emigrantes máis representativas a nivel microterritorial son: Sada y sus contornos, Sociedad de Instrucción y Apoyo (Nova York, 1913), Unión del Porvenir de Taborda-Piñeiro (Nova York, 1918), Centro de Instrucción y Recreo de Bergondo y sus contornos (Nova York, 1924), Socorros Mutuos Muradanos (Nova York e Newark, 1927), Hijos de Palmeira (Newark, 1929), Unión Cultural Bueu, Beluso y sus contornos (Nova York, 1929), Centro Orensano Social Club (Nova Jersey, 1964), Peña Galega-Club España (Newark, 1964), Casa de Santa Marta de Ortigueira (Miami, 1972 ) e Peña de Galicia del CEOC-California (1989)” explica o especial.

As imaxes da primeira sede de Casa de Galicia de Unidad Gallega (Nova York, 1942), da creación do Galicia Sporting Club ou do Coro Airiños de Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York (agrupación de gaitas e canto para manter viva a identidade cultural e musical no seo da colectividade que tivo como mestre a Joaquín Alcalá) ilustran este movemento.

O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de 20 entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

702 lecturas