O ceo neoiorquino fala galego
«O 75% dos que traballan na restauración dos grandes edificios de Nova York son galegos». Así o asegura José Santamaría, que dende hai 25 anos se dedica a estas tarefas na Gran Mazá.
Durante décadas a emigración galega formou parte da man de obra encargada de levantar os edificios na illa de Manhattan. Se algún dos rañaceos de Nova York falase, seguramente faríao con acento galego. E é que, aínda que pouca xente o sabe, foron as mans de centos de emigrantes galegos as que levantaron algúns dos edificios máis emblemáticos da illa de Manhattan. Unha tradición que pervive ata os nosos días grazas á achega de profesionais como José Santamaría, quen dende hai 25 anos se dedica ao oficio das alturas.
Segundo Santamaría o lazo invisible que une á emigración galega cos rañaceos débese en gran parte á preparación que os emigrantes traían xa dende España, onde gran parte deles exercían como albaneis: «Galegos que traballasen nos rañaceos houbo moitos, moitos. De feito podería dicirte que agora mesmo o 75 por cento dos restauradores de edificios de Nova York son galegos, e en gran parte é grazas a esa experiencia que traían».
Pero non só a experiencia contaba entre a comunidade galega á hora de decidirse a traballar nos rañaceos. O diñeiro, dende logo, é outro dos alicientes máis apuntados por aqueles que elixiron gañar o pan preto do ceo. Cun soldo que oscila entre os 50 e os 30 dólares por hora, é doado adiviñar por que subir á estada máis alta supón unha opción rendible (especialmente nun país onde o soldo mínimo interprofesional é de 6 dólares por hora).
Precisamente poder pagar as facturas foi a principal razón pola que outro galego, o ourensano Miguel González, decidiu cambiar os pinceis polos ladrillos. En 1970 González chegou a EE.UU. cunha visa de artista que lle permitiu pasar sen problemas pola xanela de emigración e que lle prometía unha oportunidade como futuro escultor. Non obstante, e nada máis poñer un pé en terra, este home de 65 anos decatouse a calquera actividade creativa se quería saír adiante de que tería que renunciar. «A maior parte dos traballos que acabei realizando foron en realidade como albanel nos rañaceos de Nova York e precisamente un dos edificios nos que traballei foi, por exemplo, as Torres Xemelgas», asevera González, quen actualmente exerce como presidente do Centro Ourensano de Newark.
Indios «sen vertixe»
Considerados como os pioneiros da estada, os indios mohawk foron a man de obra de edificios como o Empire State Building ou o Flat Iron Building. Segundo a lenda, esta raza carecía de vertixe, o que os facía especialmente aptos para este tipo de traballos. A realidade que hai tras o mito é que os mohawk resultaban moito máis baratos de contratar xa que estaban representados por sindicatos de fóra do país, o que significaba que non se atiñan ás leis laborais estadounidenses.
Por esta mesma razón, nos oitenta moitos destes traballadores tiveron que regresar ás súas reservas despois de que a falta de emprego obrigase os empresarios a contratar obreiros locais. Non obstante a estirpe dos corredores do ceo, como se lles coñeceu no seu día, non tardaría moito en ter que volver a Manhattan. Coa caída das Torres Xemelgas, os netos dos primeiros mohawk regresaron como parte do equipo encargado de reconstruír a Zona Cero.
Fonte: La Voz de Galicia | Fotos: La Voz de Galicia
Novas relacionadas



