O Centro Gallego de Mar del Plata (Arxentina) actúa en Marín como actividade complementaria do VI Día da Galicia Exterior
O conxunto artístico Alborada do Centro Gallego de Mar del Plata (Arxentina) actuou esta pasada fin de semana no concello de Marín, continuando coas actividades do VI Día da Galicia Exterior. Este municipio pontevedrés conta cunha importante cifra de galegas e galegos que residen no exterior, cun total de 2.389 persoas. Na actuación estivo presente a subdirectora xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato.
O VI Día da Galicia Exterior, festexado o sábado 9 de xullo en Santiago de Compostela, foi unha xornada de confraternidade para celebrar o Ano Santo Xacobeo entre as 31 agrupacións culturais dos centros galegos do exterior participantes, reunindo a máis dun milleiro de galegas e galegos de todo o mundo. Destas asociacións, algunhas delas continúan na comunidade, como é o caso do Centro Gallego de Mar del Plata, para compartir a música e a tradición galegas polas distintas vilas de Galicia.
Novas relacionadas