O CDG nomeado aos “Premios Florencio” de Uruguai pola súa función en Montevideo “O charco de Ulises” estreada da man da Secretaría Xeral da Emigración

A peza, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, está nomeada nos prestixiosos premios da Asociación de Críticos Teatrais do Uruguai ao mellor espectáculo estranxeiro do ano 2021.

  • Imaxe da arquivo da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
    Imaxe da arquivo da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
  • Imaxe da representación de 'O charco de Ulises'
    Imaxe da representación de 'O charco de Ulises'
Vídeo da estrea da obra en América
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2022.

O Centro Dramático Galego cruzou por primeira vez o Atlántico para representar a produción O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, en Uruguai e Arxentina da man da Secretaría Xeral da Emigración. Deste xeito, a unidade teatral da Xunta levou con gran éxito de público esta adaptación da Odisea de Homero ao contexto da emigración galega a Montevideo e Bos Aires, os días 1 e 2 de decembro de 2021.

En ambas funcións estiveron presentes o director do CDG, Fran Núñez, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xa que este departamento apoiou a xira desta obra que revisa a Odisea de Homero dende a perspectiva da emigración galega.

O charco de Ulises estreouse o 14 de xaneiro de 2021 no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. Naquel momento, froito tamén da colaboración entre o CDG e a Secretaría Xeral da Emigración, ofreceuse unha función en liña deste espectáculo que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes.

Homero no contexto da migración galega
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Resulta especialmente importante este nomeamento pola importancia simbólica da presenza da unidade de produción teatral da Xunta de Galicia no que supuxo un reencontro tras meses de pandemia e fronteiras pechadas

Xunto ao Centro Dramático Galego,  está nomeado o espectáculo Karelu, de Marcel G. Candal e Gustavo del Río, do grupo galego Os Náufragos Teatro.

Os gañadores coñeceranse o día 5 de decembro nun acto que terá lugar no Teatro Solís de Montevideo.

291 lecturas