Julio Ramón Santamarina López, reelixido presidente da Agrupación Artística Gallega de La Habana

Esta histórica entidade, fundada no 1919, é coñecida en Cuba como a "Decana das Sociedades Culturais".

No transcurso do acto fíxoselle entrega a Georgina Ceballos Nazábal do título honorífico de Asociado de Honra, polo meritorio labor realizado a favor da asociación, como integrante da súa Xunta Directiva durante dúas décadas.

A Agrupación Artísitica Gallega en La Habana, nunha imaxe de arquivo. Foto: España Exterior.
A Agrupación Artísitica Gallega en La Habana, nunha imaxe de arquivo. Foto: España Exterior.
Listen to this page using ReadSpeaker
La Habana, 1 de abril de 2013.

Na sede social da Agrupación Artística Gallega, sita en Zulueta #658 entre Gloria e Apodaca, A Habana, Cuba, celebrouse este domingo, 31 de marzo, o acto de toma de posesión da Xunta Directiva electa o pasado 13 de xaneiro, a que rexerá os destinos da asociación durante o período 2013-2017.

O Presidente, Sr. Julio Ramón Santamarina López -quen tamén ostenta a presidencia da Federación de Sociedades Españolas de Cuba (FSEC)- foi reelixido para un terceiro período de goberno desta asociación fundada o 23 de setembro de 1919, coñecida en Cuba como a "Decana das Sociedades Culturais", e que é membro da Federación de Sociedades Gallegas de Cuba e da FSEC

O presidente da Comisión Electoral, Sr. Alberto Enrique Cartaya Velazco, deu lectura á acta correspondente, á vez que os outros 4 membros da comisión facían entrega a cada un e unhas das e dos directivos, dos Certificados de Nomeamento para os cargos elixidos.

Acompañan ao Sr. Santamarina na Xunta Directiva, os señores Ángel Orosa de la Hoz como Vicepresidente, Wilfredo Chirino Dábalo como Tesoureiro, e Jorge Rubén Torres Frías como Secretario. Integran tamén o executivo a e os vogais Felicia Fernández Figueroa, Guillermo Roque Bueno, Rolando Aniceto Ramos, Eduardo Antonio Bermúdez Pallarés e Manuel Díaz González. Os suplentes Silvio Hernández González, Ricardo Antonio López Pérez e Eddy G. Ariosa Terry, completan a nómina de 12 persoas na directiva.

Ao acto asistiron tamén un grupo de persoas asociadas e invitadas, entre elas a Sr.a María Antonia Marcos Alonso, Presidenta da Federación de Asociacións Asturianas de Cuba, acompañada pola Sr.a Elena Valera, traballadora social do Principado de Asturias, que se encontra en Cuba en funcións de traballo. Así mesmo, estiveron presentes outros presidentes de sociedades galegas, os señores Francisco Avena Graciano, da Sociedade Estudantil Concepción Arenal e Vicepresidente da FSEC, e José Ramón Marín Castro, da Agrupación Valdeorras y Viana.

Un emotivo instante produciuse cando se lle fixo entrega á Sra. Georgina Ceballos Nazábal, do título honorífico de Asociado de Honra, "polo meritorio labor realizado a favor da asociación, como integrante da súa Xunta Directiva durante dúas décadas". A Sra. Ceballos exerceu como directiva dende o ano 1992, e durante os dous anteriores mandatos do Sr. Santamarina, desempeñou o cargo de Secretaria, por espazo de 10 anos.

Nas súas palabras ao final do acto, o Sr. Santamarina transmitiu a felicitación á Xunta Directiva elixida, e ratificou no seu nome os esforzos que realiza a institución por manter a atención aos seus asociados e asociadas nas diferentes actividades programadas durante o ano, así como, a vocación de seguir traballando neste período como nos anteriores, por lograr os obxectivos que estipula o Regulamento Social na actividade cultural, deportiva e recreativa.

811 lecturas