Miranda traslada ás e aos empresarios a oportunidade que supón para a competitividade de Galicia o retorno de profesionais de alta cualificación a través da Estratexia Galicia Retorna

O secretario xeral da Emigración clausurou o Foro Retorno Emprego organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo para coñecer, da man da Fundación Nortempo, o programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta de Galicia.

Segundo lles trasladou Antonio Rodríguez Miranda, o emprego é imprescindible para asentar á poboación, e á vez, estas e estes galegos do exterior aportan unha experiencia única para favorecer a dinamización e internacionalización das nosas empresas.

Recordou que a Estratexia Retorna, posta en marcha no ano 2018, facilitou a chegada de 28.000 persoas, e que a nova convocatoria conta cun orzamento de 450 M€ para o retorno de 30.000 galegas e galegos en catro anos.

  • Imaxe desta mañá do Foro Retorno Emprego organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo
    Imaxe desta mañá do Foro Retorno Emprego organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo
  • Imaxe desta mañá do Foro Retorno Emprego organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo
    Imaxe desta mañá do Foro Retorno Emprego organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo
  • Imaxe desta mañá do Foro Retorno Emprego organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo
    Imaxe desta mañá do Foro Retorno Emprego organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 26 de setembro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe na clausura do Foro Retorno Emprego organizado en Vigo pola Confederación de Empresarios de Pontevedra que permitiu a este sector, da man da Fundación Nortempo, coñecer máis a fondo o programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta de Galicia.

O responsable deste departamento autonómico trasladou ás e aos empresarios pontevedreses a oportunidade que supón para a competitividade de Galicia o retorno de profesionais de alta cualificación a través da Estratexia Galicia Retorna.

Neste senso, explicou que o Goberno galego puxo en marcha no ano 2018 a Estratexia Galicia Retorna para facilitar o regreso das galegas e galegos que no seu día emigraron ou dos seus e as súas descendentes. A iniciativa baseábase en tres piares: o dereito a retornar, afrontar o reto demográfico e a mellora da competitividade. A medida tivo un éxito maior aínda do que se agardaba grazas ao enfoque integral da estratexia de traballo que incluíu asesoramento e acompañamento aos retornados e retornadas, as medidas para o fomento do emprendemento, ao impulso da formación a través de iniciativas como as bolsas BEME ou tamén o apoio social ás familias que retornan.

Ante a boa experiencia desta primeira iniciativa, que logrou facilitar o retorno de 28.000 galegas e galegos, a Xunta aprobou unha nova estratexia para o período 23-26, incluíndo agora un cento de medidas e un orzamento de 450 millóns para lograr o regreso de 30.000 persoas nos vindeiros catro anos.

A nova Estratexia conta cun importante protagonismo do eido laboral porque, como explicou Rodríguez Miranda, o emprego é imprescindible para consolidar o asentamento da poboación retornada, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 38 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias.   

No marco do diálogo social, o Goberno galego deseñou unha iniciativa novidosa, o programa Retorna Cualifica Emprego, que quere casar as vacantes laborais das empresas coas capacidades profesionais das e dos retornados. A través desta iniciativa, que foi hoxe analizada neste Foro, a Xunta ten previsto que varios centenares de galegas e galegos do exterior con experiencia profesional regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa chegada a Galicia. O Goberno galego investirá 175 millóns de euros en 38 medidas no eido laboral coas que se dá un novo chanzo para cubrir as necesidades do mercado coa man de obra que precisa.

Miranda rematou asegurando que Galicia aspira a acoller aínda a máis galegas e galegos e o camiño máis axeitado é facelo a través do emprego, xa que “ter un posto de traballo é imprescindible para que as familias que retornan poidan consolidar a súa vida en Galicia.  A súa experiencia noutros países vai a dar á sociedade galega e ao noso tecido produtivo unha vantaxe competitiva no contexto da actual economía global”.

441 lecturas