Miranda reitera o “compromiso permanente” de Galicia cos galegos e as galegas de Venezuela e agradece o “incalculable labor” das entidades galegas do país

O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con José Antonio Alejandro González, novo presidente dunha asociación que aglutina a máis de 20.000 galegas e galegos.

De esquerda a dereita: Roberto González, José A. Alejandro e Antonio Rodríguez Miranda, no despacho deste na capital de Galicia
De esquerda a dereita: Roberto González, José A. Alejandro e Antonio Rodríguez Miranda, no despacho deste na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe un encontro co novo presidente da Hermandad Gallega de Venezuela, José Antonio Alejandro González, e co seu predecesor no cargo, Roberto González (actualmente presidente da Federación de Centros Españoles de Venezuela) para amosarlle o “compromiso permanente” de Galicia cos galegos e as galegas deste país suramericano, especialmente nestes momentos, e agradecerlle o “incalculable labor” das entidades galegas do país, en particular o dunha asociación que suma case 60 anos configurándose como “lugar de encontro dos galegos en Caracas”.

Esta reunión enmárcase nas estreitas relacións de colaboración que Galicia mantén coas cidadás e os cidadáns galegos residentes no exterior, e moi especialmente cos que viven en Venezuela, ante a incerteza e a complexa situación que están a atravesar.  

Non en van, a Secretaría Xeral da Emigración está a desenvolver un importante esforzo, tanto orzamentario como de atención, para esta colectividade, resultando “fundamental” o papel que xogan entidades como a Hermandad de Caracas. Un esforzo que, como recordou Miranda, permitiu que a cifra total destinada en 2018 aos galegos e galegas de Venezuela superara os 2,5 millóns de euros, entre as e os residentes no país americano e as e os residentes en Galicia, cifra que vai en camiño de superarse este ano. 

A de hoxe foi a primeira visita de José Antonio Alejandro González como presidente desta entidade galega, unha das que conta cunha actividade cultural e social máis intensa de toda América. 

Un país con 36.000 residentes da comunidade
A Hermandad Gallega de Venezuela suma máis de 20.000 galegas e galegos dun país que a 1 de xaneiro de 2019 acubilla 35.996 residentes de orixe galega, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Só en 2017 regresaron a Galicia procedentes de Venezuela un total de 2.163 emigrantes galegas e galegos ou descendentes con nacionalidade española e inscritos nalgún concello da comunidade.

En imaxes
285 lecturas