Miranda supervisa o programa de formación laboral complementaria para as e os bolseiros BEME realizada en colaboración coa Fundación Ronsel

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, achegouse ata a sede desta entidade en Santiago para supervisar o labor das e dos orientadores que están a ofrecer itinerarios personalizados ás e aos universitarios galegos do exterior que están a cursar un máster nalgunha das tres universidades de Galicia a través dunha das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior. 

A convocatoria destas bolsas mantense aberta ata o próximo venres, día 29, e conta este ano con 250 prazas.

O secretario xeral da Emigración, durante a visita á sede da Fundación Ronsel en Santiago de Compostela
O secretario xeral da Emigración, durante a visita á sede da Fundación Ronsel en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou nas últimas horas a sede da Fundación Ronsel en Santiago de Compostela para supervisar a formación laboral complementaria que se está a ofrecer ás e aos bolseiros BEME co obxectivo de que poidan aproveitar a súa formación nun máster dunha das tres universidades galegas para atopar un traballo ou crear a súa propia empresa que lles permita desenvolver a súa vida laboral en Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Fundación Ronsel, está a aportar unha formación especializada sobre busca activa de emprego ás universitarias e universitarios galegos do exterior que están a cursar un máster nunha das tres universidades galegas a través dunha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior (BEME). A través destes itinerarios personalizados, as alumnas e alumnos poden aprender técnicas tanto para a posta en marcha dun negocio propio como para atopar un emprego por conta allea.

Estas formacións estanse a desenvolver nas catro provincias galegas e realízanse de xeito individual. Forman parte do grupo de actividades formativas que se ofertan aos bolseiros e bolseiras BEME simultaneamente ao desenvolvemento do máster que realizan. 

Ademais, cabe recordar que a convocatoria destas bolsas, que contan cunha axuda de entre 7.000 e 11.475 euros, mantense aberta ata o próximo venres, día 29, e conta nesta ocasión con 250 prazas para universitarias e universitarios galegos no exterior ou descendentes de galegas e galegos. Máis información na páxina web: https://emigracion.xunta.gal/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2022.

418 lecturas