Miranda salienta o labor que as entidades benéficas do exterior fan polos galegos e galegas residentes no estranxeiro

O secretario xeral da Emigración reúnese con Regina Jallas, presidenta da Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada.

Destaca o traballo dunha asociación que “leva anos prestando un servizo impagable aos maiores galegos sen recursos, e sendo un exemplo de eficiencia e de xestión”.

A Residencia Santiago Apóstol da Associação Recreio dos Anciãos de Río de Xaneiro atende a preto de 170 persoas, das que case 40 son galegas e galegos
A Residencia Santiago Apóstol da Associação Recreio dos Anciãos de Río de Xaneiro atende a preto de 170 persoas, das que case 40 son galegas e galegos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou hoxe o traballo imprescindible que as entidades benéficas do exterior levan a cabo na prestación de servizos das e dos galegos residentes no estranxeiro. Así llo expresou persoalmente á presidenta dunha das sociedades que mellor representa este fundamental labor social, a Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, Regina Jallas, durante o encontro que mantiveron en Santiago.

“Esta asociación leva anos prestando un servizo impagable aos maiores galegos sen recursos, e sendo un exemplo de eficiencia e de xestión”, resaltou Miranda, quen nesta liña lembrou que este é un dos centros mellor dotados e máis completos de Río de Xaneiro, sumando 355 socias e socios dos que 195 son galegos. Así mesmo, a residencia atende a preto de 170 persoas, das que case 40 son galegas e galegos.  

Neste marco, o secretario xeral da Emigración agradeceu o traballo desinteresado do centro e da súa presidenta, da que destacou a “valentía e capacidade de traballo e entrega que tanto ben fixo e está a facer para os galegos do exterior”. Unha residencia, lembrou, que tamén presta servizos aos seus socios e socias no ámbito cultural, como os da biblioteca que alberga a súa sede (que conta con arredor de 300 persoas usuarias), a escola de danza (con medio cento de alumnas e alumnos), e a publicación que edita con periodicidade bianual e unha tirada dun milleiro de exemplares.

O segundo país do mundo con máis galegas e galegos
O Brasil é o segundo país do mundo cunha maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, con 48.691 residentes, só por detrás da Arxentina, que segue a encabezar a listaxe con máis de 178.000 galegas e galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con data 1 de xaneiro de 2019. Do total de persoas galegas residentes en Brasil preto do 25%, é dicir, 11.386 foron nadas en Galicia; o resto son descendentes xa nacidas no país de destino.

143 lecturas