Emigracion firma coa asociación Recreio dos Anciãos un acordo de colaboración por 30.000 euros para a atención social a galegas e galegos residentes en Río de Xaneiro (Brasil)

Antonio Rodríguez Miranda e a presidenta da Associação Recreio dos Anciãos firmaron o convenio na sede da Secretaría Xeral.

En 2021 auméntase a dotación de cara a que a entidade poida facer fronte ás necesidades derivadas da actual pandemia. 

  • Antonio Rodríguez Miranda e Regina Jallas, durante a sinatura do convenio
    Antonio Rodríguez Miranda e Regina Jallas, durante a sinatura do convenio
  • Antonio Rodríguez Miranda e Regina Jallas, durante a sinatura do convenio
    Antonio Rodríguez Miranda e Regina Jallas, durante a sinatura do convenio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda firmou coa presidenta da Associação Recreio dos Anciãos de Río de Xaneiro, Regina Jallas, un convenio co obxectivo de colaborar coa entidade en 30.000 euros para a atención social dos galegos e galegas residentes nesta cidade de Brasil.

Precisamente a covid-19 motivou o aumento da dotación para este ano do convenio, que en 2020 foi de 20.000 euros e que este ano aumenta en 10.000 euros.  

Durante o encontro, desenvolvido na seda da Secretaría Xeral, analizouse tamén a situación actual da institución. Neste senso, Regina Jallas destacou que a entidade segue a dar servizo aos galegos e galegas sen recursos que acubilla. O resto de usuarias e usuarios da residencia fan un total de 170 persoas, tanto españois e españolas que viven en Brasil como cidadáns do propio país.

A Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada de Río de Xaneiro, fundada en 1940 por emigrantes galegos, é unha entidade benéfica, sen ánimo de lucro, cuxa finalidade é acoller temporal ou permanentemente á anciás e anciáns de xeito gratuíto, dando prioridade ás cidadás e cidadáns galegos e españois necesitados, é unha das mellor dotadas e máis completas da cidade brasileira, que presta coidados ás cidadás e aos cidadáns galegos sen recursos que residen no país suramericano. Integrado por 355 persoas asociadas, das que 195 son galegas, a asociación presta especial importancia ao seu eido asistencial. 

Dita entidade é un dos referentes fundamentais na atención socio sanitaria e de asistencia ás persoas de idade avanzada en Río de Xaneiro e a súa contorna. Nas súas instalacións, que contan con teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de esparexemento e leva a cabo unha asistencia integral ás e aos acollidos que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, terapia ocupacional, actividades culturais, etc., mellorando así o aspecto social, emocional e sociolóxico das e dos acollidos, segundo sinala o convenio. 

A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este fogar, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente nesta localidade brasileira e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores, un colectivo xa de por si vulnerable e que nesta pandemia está a ser o máis afectado”, explicou Rodríguez Miranda. 

“O noso interese radica na pretensión de mellorar a súa saúde, o seu benestar social e a súa calidade de vida. A situación vivida polo virus da covid-19 obriga a este tipo de entidades a levar a cabo diferentes accións de prevención, hixiene, realización de probas e habilitación de salas de illamento, o que supuxo, evidentemente, un importante desembolso en adquisición de material e contratación de persoal”, engadiu o secretario xeral.

681 lecturas