O secretario xeral da emigración e a presidenta da Associação Recreio dos Anciãos de Río de Xaneiro analizan a situación das e dos maiores galegos no Brasil

Antonio Rodríguez Miranda destacou a colaboración económica da Xunta de Galicia con esta entidade dedicada a coidar dos galegos e galegas sen recursos que residen no país suramericano á que se destinan máis de 30.000 euros.

O Asilo da Velhice Desamparada atende a preto de 170 persoas das que 35 son galegas.

Antonio Rodríguez  Miranda e Regina Jallas, durante o encontro celebrado na sede da SXE en Santiago de Compostela
Antonio Rodríguez Miranda e Regina Jallas, durante o encontro celebrado na sede da SXE en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro coa presidenta da Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada de Río de Xaneiro, Regina Jallas Suárez Rigueira.

A reunión tivo lugar na sede da Secretaría en Santiago, aproveitando a estancia temporal da súa presidenta, Regina Jallas Suárez Figueira, natural de Santa Comba, en Galicia.  

Ambos responsables analizaron a actual situación de pandemia no Brasil e a situación que neste senso están a vivir as e os maiores galegos sen recursos, xa que o seu benestar está entre as prioridades do Goberno galego en materia de emigración, motivo polo que a Xunta de Galicia leva anos facendo esforzos na procura da cobertura das súas necesidades básicas. 

Miranda agradeceu a Regina Jallas o labor que entidades sociais como a do Recreio dos Anciãos de Río están a levar a cabo para apoiar ao colectivo das e dos emigrantes máis desfavorecidos, en especial, a través dunha residencia de persoas anciás que é un referente non só no Brasil senón en todo o continente americano. Tamén destacou a colaboración económica da administración autonómica con esta asociación, á que se destina máis de 30.000 euros. 

Neste senso, Regina Jallas destacou que a entidade segue a dar servizo de xeito completamente gratuíto aos 35 galegos e galegas sen recursos que acubilla. O resto de usuarias e usuarios da residencia, un total de 170 persoas, tanto brasileiras e brasileiros como doutras nacionalidades, acóllense a un réxime privado. 

A Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada de Rio de Xaneiro, fundada en 1940 por emigrantes galegos, é unha entidade benéfica, sen ánimo de lucro, cuxa finalidade é acoller temporal ou permanentemente á anciás e anciáns de xeito gratuíto, dando prioridade ás e aos galegos e españois necesitados, é unha das mellor dotadas e máis completas da cidade brasileira, que presta coidados ás cidadás e aos cidadáns galegos sen recursos que residen no país suramericano. Integrado por 355 persoas asociadas, das que 195 son galegas, a asociación presta especial importancia ao seu eido asistencial. 

Esta entidade é un dos referentes fundamentais na atención socio sanitaria e de asistencia ás persoas de idade avanzada en Río de Xaneiro e a súa contorna. Nas súas instalacións, que contan con teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de esparexemento e leva a cabo unha asistencia integral aos acollidos e acollidas que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, terapia ocupacional, actividades culturais, etc., mellorando así o aspecto social, emocional e sociolóxico das persoas acollidas, segundo sinala o convenio.

680 lecturas