Miranda salienta o labor cultural do Centro Galego de Cuxhaven e avoga por “seguir traballando xuntos para facilitar a volta á casa de miles de galegos”

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro co presidente desta entidade, Francisco Álvarez, membro da Comisión Delegada do XII Consello de Comunidades Galegas que vén de celebrarse. 

Pon a este centro e á súa directiva como exemplo do novo cambio xeracional, chamado a “garantir a fortaleza dos centros mediante a mocidade, esa da que tanto nos preocupamos e que axudará a paliar moitos problemas na Galicia territorial e a Galicia exterior”.

Imaxe da reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Imaxe da reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro co presidente do Centro Galego de Cuxhaven, Francisco Álvarez, que vén de ser elixido membro da nova Comisión Delegada do XII Consello de Comunidades Galegas. Un encontro no que Miranda salientou o labor cultural desta entidade ao tempo que avogou por “seguir traballando xuntos para facilitar a volta á casa de miles de galegos”. 

Neste sentido, o secretario xeral agradeceu o labor que están a desenvolver na organización de actividades para a divulgación de temas de interese para a comunidade galega no exterior. “Quero salientar o importante traballo que levan a cabo, neste e noutros centros da colectividade, para abordar cuestións de relevancia, tanto no relativo á presenza no país, como de cara ao seu retorno a Galicia”, incidiu.   

Así mesmo, Miranda salientou o “gran traballo que está a realizar a nova directiva para que a cultura galega se manteña nun país tan importante para a emigración galega como o é Alemaña”. Ademais, subliñou o novo cambio xeracional “que garante a fortaleza dos centros mediante  a mocidade, esa da que tanto nos preocupamos e que axudará a paliar moitos problemas na Galicia territorial e a Galicia exterior”.     

Case 40 anos leva o Centro de Cuxhaven promovendo a súa oferta cultural e deportiva que achega ás socias e socios, dos que un 70% son galegos. Un dos seus actos máis destacados celébrase cada mes de maio, coa Festa da Primavera, ademais de festexar, entre outros, o Día das Letras Galegas, o Día de Galicia, o Día do Mar, ou as coñecidas Festas de Pascua e do Mexillón. O secretario tamén recordou que con estas actividades axúdase a “espallar e ampliar cultura galega na Alemaña”.

Alemaña, un país en crecemento coa colectividade galega 
Alemaña é o terceiro país de Europa con maior poboación galega. Segundo as últimas cifras publicadas polo INE, a 1 de xaneiro de 2019, nel residen un total de 17.388 cidadás e cidadáns galegos, dos que 14.177 teñen menos de 65 anos. Do total, algo menos da metade, o 46,75%, é dicir, 8.129, foron nadas e nados en Galicia, e o resto, descendentes daqueles, xa no seu país de destino. 

En imaxes
507 lecturas