Miranda aposta pola cooperación co Centro Galego de Cuxhaven co obxectivo de “fomentar e promocionar” a cultura galega en Alemaña

Subliña que o centro leva case 40 anos facendo de “fogar común” de centos de galegas e galegos e destacou a “prolífera actividade cultural e deportiva” que desempeñan cada ano.

O secretario xeral da Emigración mantén un encontro co novo presidente, Francisco Álvarez
O secretario xeral da Emigración mantén un encontro co novo presidente, Francisco Álvarez
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de manter un encontro co novo presidente do Centro Galego de Cuxhaven, Francisco Álvarez, na procura de coñecer de primeira man as propostas e inquedanzas dun centro que suma preto de 250 persoas asociadas das que máis do 70% son galegas. 

Neste sentido, Miranda salientou o “importantísimo labor” que está a desempeñar o centro coa colectividade galega en Alemaña, e avogou por “estreitar a colaboración” na procura de “fomentar e promocionar” a cultura galega en Alemaña. Non en van, e como lembrou, o Centro, irmandado con Vilanova de Arousa, organizou o ano pasado aquí unha Festa do Albariño. 

“O Centro Galego de Cuxhaven leva case 40 anos facendo de fogar común de centos de galegos”, proseguiu Miranda, quen destacou a prolífera actividade cultural e deportiva que desempeñan cada ano. Non en van, o centro acolle cada 21 de maio a Festa da Primavera, ademais de celebrar, entre outros, o Día das Letras Galegas, o Día de Galicia, o Día do Mar, ou as Festas de Pascua e do Mexillón. 

Neste marco, Rodríguez Miranda agradeceu a súa implicación ao novo equipo directivo, animándoos a manter a senda de colaboración en campos nos que están a traballar en novas actividades, como é o caso da mocidade.   

A emigración galega en Alemaña
Alemaña é o terceiro país de Europa con maior poboación galega. Nela residen, segundo as últimas cifras publicadas polo INE, a 1 de xaneiro de 2019, un total de 17.388 cidadás e cidadáns galegos, dos que 14.177 teñen menos de 65 anos. Do total, algo menos da metade, o 46,75%, é dicir, 8.129, foron nacidas e nacidos en Galicia, e o resto, descendentes daqueles, xa no seu país de destino. 

1144 lecturas