Miranda salienta o histórico e presente papel solidario da diáspora na visita á colectividade galega de Sâo Paulo
O secretario xeral gaba o labor que realizan institucións como a ‘Sociedade Beneficente Rosalía de Castro’, que atende a ducias de galegas e galegos no momento vital de maior vulnerabilidade.
Na xornada de hoxe, Miranda achégase ata Santos, localidade costeira no que a presenza das colectividades galega e española é especialmente notable.
Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia á Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo
Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia á Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo
Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia á Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo
Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia á Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo
Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia á Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou aos galegos e galegas residentes no fogar da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo, con cuxa directiva reuniuse, antes de asinar un convenio de colaboración que ten por finalidade a de contribuír á atención das necesidades socioasistenciais básicas das cidadás e dos cidadáns galegos residentes na metrópole.
O convenio, dotado con doce mil euros, recolle que a Sociedade “promoverá o benestar integral dos maiores e das súas familias, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social”. Para a consecución destes obxectivos desenvolverá actividades de estimulación e prevención, e ofertará atención social individualizada, a través da figura dun traballador social, que exercerá as funcións de coordinador do servizo; atención alimenticia, a través de comedor subvencionado, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; atención á saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde no maior, servizo de dinámicas socioculturais, e tamén xornadas médicas preventivas.
As e os destinatarios destes programas serán as persoas maiores de orixe galega ou descendentes destas, con nacionalidade española e residentes en Sâo Paulo (Brasil), con necesidades específicas no ámbito da dependencia. A Sociedade Beneficente Rosalía de Castro asegurará a realización das prestacións establecidas no presente convenio, para o que se compromete a dotar ao centro de día do equipamento e persoal especializado necesario para o seu correcto funcionamento, así como a informar periodicamente á Secretaría Xeral da Emigración sobre os resultados sociais desta iniciativa.
A ‘Sociedade’
A Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo foi fundada en 1981 por un grupo de empresarios españois que desexaban axudar ás e aos compatriotas carentes de recursos. O seu labor é basicamente o de protección dos maiores: no 2004 adquiriron unha nova sede ampliando considerablemente o espazo e as condicións de atención ás persoas anciás acollidas.
A entidade presta a súa axuda na compra de medicamentos ás e aos acollidos, pagando en ocasións convenios médicos para familias necesitadas, e mesmo cubrindo os gastos residenciais e distribuíndo mensualmente cestas básicas de alimentos. Manteñen contactos con tódalas entidades españolas de Sâo Paulo, participando co seu bazar de beneficencia na maioría das actividades que se levan a cabo anualmente. A Sociedade posúe asemade un Centro de Asistencia Social, obra sen fins de lucro, inaugurado en 1983 co obxectivo de promover o apoio socio asistencial da persoas maiores a través da súa atención integral con carácter de servizos preventivo, de saúde e asistencial.
Na cidade de Sâo Paulo reside unha grande colonia formada por persoas de orixe galega, que nalgúns casos sofren falta de mecanismos integrais de cobertura social e sanitaria. Segundo o censo electoral de residentes no estranxeiro, en Brasil residen arredor de 33.000 emigrantes galegos e galegas. Estes datos confirman a Brasil como o terceiro país no continente americano onde máis cidadás e cidadáns galegos residen na actualidade, tras Arxentina e Venezuela.
Aposta social
Miranda lembrou na súa visita que esta entidade é exemplo -“e expoñente senlleiro”, dixo- do carácter solidario con que moitos centros e casas de Galicia naceron, especialmente no continente americano, espírito que segue aínda hoxe presidindo a súa actuación en moitos casos, como neste da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo.
A este respecto, o secretario xeral da Emigración afirmou que “con convenios como o que hoxe asinamos, Galicia devolve a estas colectividades unha parte ben pequena do que no pasado, e aínda no presente, teñen feito polos nosos paisanos, concretamente por aqueles que por razón de idade e situación persoal más axuda necesitan”.
Tamén lembrou Miranda que estes convenios “demostran que a aposta decidida do Goberno galego polo mantemento das políticas sociais fíxose, faise e farase extensiva á Galicia do Exterior, como non podía ser doutra maneira, sendo como somos plenamente conscientes de que unha boa parte de Galicia reside a milleiros de quilómetros”.
Hoxe, en Santos
Rodríguez Miranda achégase na xornada de hoxe, sábado, ata dúas institucións que prestan diversos servizos á colectividade galega na cidade costeira de Santos, distante apenas uns quilómetros da megalópole de Sâo Paulo, e onde é especialmente notable a presenza de galegas e galegos e de nacionalidade española en xeral.
Así, visitará a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos (homónima á de Sâo Paulo pero sen relación entre elas) onde asinará un convenio para atención socio asistencial básica aos galegos e galegas residentes na localidade, e onde coñecerá a contorna habitual na que residen os paisanos da terra atendidos por esta institución da diáspora en Brasil.
Aínda nesta localidade, visitará tamén o Centro Espanhol e Repatriaçao de Santos. En ambos casos, ademais de saudar ás e aos residentes, achegarse a coñecer a actualidade das colectividades galega e española na zona, e percorrer as instalacións, reunirase coas respectivas xuntas directivas.
Novas relacionadas



