Miranda reúnese cos presidentes das entidades galegas de Venezuela para concretar o plan de traballo conxunto que permite atender ás galegas e aos galegos do país

O secretario xeral da Emigración presidiu unha xuntanza na que volveu poñer de manifesto o papel fundamental que xogan os centros galegos para a detección e canalización dos casos máis urxentes.

O encontro coincide coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria das Axudas Económicas Individuais.

  • Imaxe da reunión celebrada hoxe na capital venezolana
    Imaxe da reunión celebrada hoxe na capital venezolana
  • Imaxe da reunión celebrada hoxe na capital venezolana
    Imaxe da reunión celebrada hoxe na capital venezolana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu esta mañá unha reunión cos presidentes das distintas entidades galegas que traballan no ámbito social en Venezuela. O obxectivo é concretar o plan de traballo conxunto que resulta da colaboración entre a Administración galega e os centros que prestan atención ás e aos emigrantes e descendentes de cidadás e cidadáns galegos que residen no país suramericano, e que están a sufrir as consecuencias da difícil situación que atravesa.

O responsable do departamento autonómico insistiu durante a xuntanza no papel chave que desempeñan as entidades galegas espalladas polo mundo á hora de detectar e canalizar as necesidades máis urxentes das e dos residentes no exterior. Institucións como a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, a Hermandad Gallega de Valencia, o Centro Gallego de Puerto La Cruz, o Centro Gallego de Maracaibo, a Fundación Fillos de Ourense  (Fundaourense) ou a Fundación de Apoyo a la Ciudadanía (FACEV) son pezas fundamentais para o éxito do sistema de prestación e apoio social que presta a Xunta de Galicia no resto de países do mundo.

Un dos programas máis reforzados
O encontro coincide, ademais, coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta mesma mañá da convocatoria das Axudas Económicas Individuais, un dos programas que reforzou o Goberno galego para cubrir as necesidades máis urxentes dos galegos de Venezuela. “O noso deber é intentar que non haxa ningún galego en todo o mundo que non saiba da existencia deste e outros programas asistenciais da Xunta de Galicia, e para iso é fundamental que as entidades se sigan implicando do xeito que levan anos a facer na súa difusión e divulgación”, sinalou Miranda. 

A axenda oficial do secretario xeral da Emigración levarao mañá a participar primeiro na reunión do Padroado da Fundación España Salud e máis tarde nun encontro co embaixador de España en Caracas, Jesús Silva.

907 lecturas