Miranda traslada o apoio da Xunta ao proxecto da Federación de Centros Españoles en Venezuela de contratar un seguro médico que atenda ás e aos residentes españois no país suramericano
O secretario xeral da Emigración preside a xuntanza con responsables da FECEVE, que aglutina aos centros españois no país suramericano.
Avalía e avanza cos representantes das entidades galegas no plan de traballo conxunto que está a permitir asistir aos galegos e galegas do país.
Salienta o “papel fundamental que xogan as nosas entidades” para a detección e canalización dos casos máis urxentes, froito da difícil situación que atravesa a república.
Mantén encontros de traballo cos responsables da Embaixada de España en Caracas e co cónsul en Venezuela para “afondar na necesaria coordinación entre as administracións española e galega”.
- Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración cos responsables da Federación de Centros Españoles de Venezuela
- Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración cos representantes das entidades galegas en Venezuela
- O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, co embaixador de España en Caracas, Jesús Silva
- O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, co cónsul de España en Venezuela, Juan José Buitrago de Benito
- Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración cos responsables da Federación de Centros Españoles de Venezuela
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, aproveitou o comezo da súa nova viaxe institucional a Venezuela para reunirse cos responsables da Federación de Centros Españoles de Venezuela, aos que lles trasladou o apoio da Xunta ao proxecto no que está a traballar FECEVE para contratar un seguro médico que atenda aos españoles e españolas residentes no país suramericano.
Rodríguez Miranda salientou a importancia desta iniciativa para a colectividade, máis se cabe “no contexto e na situación social que están a vivir os residentes en Venezuela”.
Neste marco, o responsable do departamento autonómico reuniuse tamén cos representantes das entidades galegas na procura de avaliar e avanzar no plan de traballo conxunto que está a permitir asistir aos galegos e galegas do país suramericano. Un escenario no que insistiu no papel chave que desempeñan as entidades galegas espalladas polo mundo á hora de detectar e canalizar as necesidades máis urxentes das e dos residentes no exterior. Institucións como a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, a Hermandad Gallega de Valencia, o Centro Gallego de Puerto La Cruz ou o Centro Gallego de Maracaibo -todos eles presentes na xuntanza- son “pezas fundamentais” para o éxito do sistema de prestación e apoio social que desenvolve a Xunta de Galicia en Venezuela e noutros países do mundo.
“Malia que cada vez son máis os galegos que volven á casa, en Venezuela aínda permanecen máis de 35.000 galegos. Unha colectividade para a que o ano pasado destinamos 2,2 millóns de euros, cifra que neste 2019 que estamos a rematar ascende a máis de 3 millóns”, detallou Miranda.
Encontros de traballo na embaixada
A axenda oficial do secretario xeral da Emigración levouno tamén hoxe a manter distintos encontros de traballo co embaixador de España en Caracas, Jesús Silva, e co cónsul de España en Venezuela, Juan José Buitrago de Benito, co obxectivo de “afondar na necesaria coordinación entre as administracións española e galega”.
Ambas xuntanzas responden a unha necesidade urxente de actualizar de xeito permanente tanto a situación do país como a da colectividade española, e máis concretamente a galega, que reside nel. A complicada situación económica e social que atravesa a república require dunha atención especial aos labores de información e asesoramento aos galegos e galegas que viven en Venezuela, tanto á hora de optar ás diferentes liñas de axuda como á de plantexarse o seu retorno á comunidade galega.
Novas relacionadas