Miranda reúnese co secretario de Traballo da Arxentina para estudar posibles vías de colaboración entre ambos gobernos

O secretario xeral da Emigración e Horacio Pitrau abriron a porta a novas canles que permitan intercambiar coñecementos e experiencias tanto en materia de educación e emprendemento como de formación en hostalaría e xerontolóxica. 

O responsable autonómico mantivo previamente un encontro con beneficiarias e beneficiarios das BEME procedentes do país andino.

  • Imaxe da reunión celebrada na capital arxentina
    Imaxe da reunión celebrada na capital arxentina
  • Foto do encontro coas e cos bolseiros BEME
    Foto do encontro coas e cos bolseiros BEME
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 11 de setembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse en Bos Aires co secretario de Traballo do Goberno da Nación Arxentina, Horacio Pitrau, para abrir posibles vías de colaboración entre Galicia e o país andino. Ambos mandatarios repasaron os programas que o Goberno galego ten en marcha na Arxentina dirixidos ás cidadás e aos cidadáns galegos que residen neste país, tanto a aqueles que queren permanecer nel como a aqueles que desexan retornar á comunidade. Dentro destes programas destacan os de formación, como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) e as do ciclo superior de Formación Profesional (cuxo prazo de inscrición mantén aberto a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), e os de emprego e emprendemento, tanto as deseñadas pola Secretaría Xeral da Emigración como os da Consellería de Economía, Emprego e Industria, todos eles incluídos na Estratexia Retorna 2020.

Durante a reunión, á que tamén asistiron o Delegado da Xunta de Galicia, Alejandro López Dobarro, e o Consejero de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social, José Luís Mira Lema, e o subsecretario de Política Exterior da Arxentina, Gustavo Zlauvinen, Pitrau amosou o interese da Secretaría de Traballo que dirixe en establecer unha canle directa de coordinación co Goberno galego para intercambiar coñecementos e experiencias en materia de formación en hostalaría e restauración, e xerontoloxía e xeriatría. O secretario xeral da Emigración comprometeuse a estudar a posibilidade de colaboración e a manter aberta esta vía de comunicación directa.

A piques de comezar un mestrado en Galicia
Previo a este encontro, o titular do departamento autonómico mantivo unha xuntanza con beneficiarios e beneficiarias da segunda convocatoria das BEME procedentes da Arxentina, que están a piques de emprender a súa viaxa cara Galicia para comezar os seus estudos de mestrado nalgunha das tres universidades públicas galegas. O secretario xeral da Emigración invitoulles a gozar e a aproveitar esta experiencia que lles brinda a Xunta de Galicia, que financia estes estudos con achegas de entre 7.000 e 11.475 euros.

419 lecturas