Miranda coñece a experiencia das e dos bolseiros BEME que están a cursar este ano un mestrado na USC grazas á colaboración da Secretaría Xeral da Emigración

O secretario xeral da Emigración estivo acompañado nesta reunión pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. 

O responsable da Secretaría Xeral recordou que segue aberta a nova liña de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior.

  • Imaxe do encontro desta mañá, que tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega
    Imaxe do encontro desta mañá, que tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega
  • Imaxe do encontro desta mañá, que tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega
    Imaxe do encontro desta mañá, que tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega
#Esperámoste
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, no Consello da Cultura Galega, un encontro cos bolseiros e bolseiras BEME que están a cursar un mestrado na USC acompañado da presidenta da entidade, Rosario Álvarez. Á reunión asistiron alumnas e alumnos dos mestrados que imparte a universidade compostelá, que son galegas e galegos retornados do exterior ou descendentes de cidadás ou cidadáns galegos, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Durante o encontro, os alumnos e alumnas trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algunhas e algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

Tal e como recordou o secretario xeral, nestes intres, e ata o venres, 30 de abril, mantense aberta a convocatoria para as bolsas do próximo curso, que aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da covid-19.   

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Os beneficiarios e beneficiarias destas bolsas de excelencia son galegas e galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admmitida ou admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.
 
A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles e aquelas que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumnado). 

O obxectivo das BEME é non só atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. 

840 lecturas