Miranda respalda a decisión das e dos socios do Centro Galego de Bos Aires de preservar o seu patrimonio cultural

O secretario xeral da Emigración compareceu no Parlamento galego para expoñer a situación actual da emblemática entidade arxentina.

O responsable autonómico asegurou que todas e todos os emigrantes galegos que carezan de protección e pertenzan á entidade teñen garantida a asistencia sanitaria.

O secretario xeral da Emigración compareceu no Parlamento galego para expoñer a situación actual da emblemática entidade arxentina
O secretario xeral da Emigración compareceu no Parlamento galego para expoñer a situación actual da emblemática entidade arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou esta mañá no Parlamento de Galicia que respalda a decisión tomada polos socios e socias do Centro Galego de Bos Aires de preservar o patrimonio cultural dunha das entidades que no seu día foi un dos referentes da emigración galega. O responsable autonómico, quen afirmou compartir a preocupación de todas e todos os galegos pola situación da entidade, enumerou os diferentes pasos que a Xunta de Galicia ten dado en dirección á protección integral do seu patrimonio cultural, de indubidable valor.

“Os socios do Centro galego de Bos Aires, que son os lexítimos donos do seu patrimonio, tomaron unha decisión, que foi vender o inmoble e a súa xestión sanitaria cunha condicións que protexen o patrimonio e preservan a súa condición de mutualidade”, lembrou Rodríguez Miranda, “e mentres eles non tomen outra decisión non se pode facer cousa distinta”. O secretario xeral da Emigración engadiu que, ademais, a Xunta de Galicia entende que a determinación tomada polas e polos responsables da sociedade é “axeitada”, polo que está disposta a colaborar con eles, como o está a facer desde hai décadas.

“Mentres non haxa un cambio de decisión por parte dos socios do Centro Galego de Bos Aires, a nosa obriga é a de colaborar e apoialos na que teñen tomada ata o de agora”, concluíu o responsable do departamento autonómico. Miranda salientou, asemade, a importancia das relacións entre o Goberno galego e o arxentino, principal acredor das débedas da entidade, para “non dar pasos de cego” nas actuacións que leven a cabo para lograr a preservación e protección dos seus bens culturais.

Asistencia sanitaria garantida
O responsable do departamento autonómico salientou, ademais, que todos os emigrantes galegos e galegas que carecen de protección e pertencen ao Centro Galego de Bos Aires, preto de 700, teñen asegurada a asistencia sanitaria. O secretario xeral da Emigración acudiu á Cámara galega para insistir en que o Goberno español, órgano competente, dá cobertura a todas e todos os emigrantes españois que se atopan no estranxeiro a través de ferramentas que buscan evitar situacións de precariedade entre as e os emigrantes que residen, neste caso, na capital arxentina.

607 lecturas