Miranda repasa a situación da colectividade no Brasil con Jallas e renova o respaldo da Xunta ás comunidades galegas alí asentadas

  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e a presidenta do Recreio, no despacho de Miranda en Compostela
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e a presidenta do Recreio, no despacho de Miranda en Compostela
  • Na imaxe, a ámbolos dous lados das bandeiras, o secretario xeral da Emigración e a presidenta do Recreio, no despacho de Miranda en Compostela
    Na imaxe, a ámbolos dous lados das bandeiras, o secretario xeral da Emigración e a presidenta do Recreio, no despacho de Miranda en Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho á presidenta da Sociedade Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada de Río de Xaneiro, Regina Jallas, reunión que forma parte dos encontros regulares que o alto cargo autonómico mantén con esta e outras e outros representantes das institucións máis senlleiras da diáspora no Brasil.

Miranda e Jallas analizaron a actualidade das comunidades galegas na cidade sede da entidade, e no resto do Brasil, país do que procede un número significativo e crecente de solicitudes de retorno, e no que reside unha ampla colectividade de paisanas e paisanos, especialmente en Río e Sâo Paulo e as súas contornas.

O Recreio foi fundado en 1940 e acolle persoas anciás temporal ou permanentemente de forma gratuíta dando prioridade aos galegos e galegas necesitados e anciáns. Levan a cabo unha asistencia integral ás e aos acollidos, que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, ximnasia, terapia ocupacional, actos culturais, etc. mellorando así os aspectos social, emocional e psicolóxico.

No pasado mes de marzo, a Consellería de Política Social renovou co Recreio un acordo de colaboración, dotado con 20.000 euros, coa finalidade de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes na megalópole brasileira. A entidade conta con instalacións para atender a máis de 200 persoas internas, ademais de teatro, capela, biblioteca e unha ampla área social.

No ano 2004, concedéuselle a título póstumo a Medalla de Galicia na categoría de bronce a quen fora o seu presidente, Manuel Taboada Quintás, por ser o impulsor de varios programas de cooperación cos colectivos marxinais asentados en favelas de Brasil. Pola súa banda, a actual presidenta ten recollido diversos recoñecementos en ambas beiras do océano.

Galegas e galegos en Brasil
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora na República Federativa do Brasil un total de 47.753 galegas e galegos: trátase por tanto do segundo país do estranxeiro con maior número de paisanas e paisanos, unicamente superado pola Arxentina. Dese número total, 35.123 (o 73’55 por cento) naceron xa na diáspora, o que proba o forte vencello das segundas xeracións de galegas e galegos coa terra familiar de orixe.

1839 lecturas