Miranda e Jallas comprometen o reforzo do apoio da Xunta á comunidade galega en Río de Xaneiro coa sinatura dun novo convenio de colaboración

O secretario xeral da Emigración e a presidenta de ‘Recreio dos Anciâos’ lembran que a solidariedade coas e cos máis desfavorecidos, especialmente os de maior idade, é unha constante na actividade da Galeguidade no Brasil. 

  • Regina Jallas e Antonio Rodríguez Miranda, durante a sinatura do convenio de colaboración na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Regina Jallas e Antonio Rodríguez Miranda, durante a sinatura do convenio de colaboración na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • Jallas e Miranda, durante a sinatura do convenio
    Jallas e Miranda, durante a sinatura do convenio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e maila presidenta da Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada, de Río de Xaneiro, Regina Jallas, asinaron en representación das súas institucións un acordo para atención das necesidades socio asistenciais das e dos cidadáns galegos, por valor de 20.000 euros.

Os obxectivos do convenio son proporcionar prestacións de atención residencial ás cidadás e aos cidadáns galegos ingresados, así como a realizar actuacións en prevención sanitaria e lles facilitar medicamentos e outro material xeriátrico, en caso de necesidade. Para iso, o Recreio comprométese a “dotar á residencia do equipamento e persoal especializado necesario para o seu correcto funcionamento, prestar os servizos obxecto do convenio e informar periodicamente á Secretaría Xeral da Emigración sobre os resultados sociais desta iniciativa, e destinar aos mesmos fins previstos neste convenio aquelas obras ou subministracións amparadas por el”, segundo establece o documento.

Miranda comprometeu a continuidade do apoio do Goberno galego “á colaboración con esta modélica institución”, e recordou a alta consideración na que Emigración ten ao Recreio, así como a outras comunidades galegas con presenza en Río, e en todo o Brasil: “Cómpre lembrar que a solidariedade con aqueles en situación de maior precariedade é un distintivo da diáspora galega alá onde ten presenza, e a historia da Galeguidade no Brasil así o demostra”, asegurou o secretario xeral.

Segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Exterior do Instituto Nacional de Estatística, a 1 de xaneiro de 2016 residían na República Federativa do Brasil un total de 46.671 galegas e galegos (o 37’29 % dos 125.150 españois e españolas que viven alí), das e dos que 33.913 xa naceron na diáspora (o 72’66 por cento do total).

“A presenza de Galicia en tódolos lugares onde se ten asentado a diáspora a través destas segundas xeracións, que nalgún caso senten a terra con igual o maior sentido de pertenza cá dos seus pais, é un activo importantísimo para o noso país, que podemos e debemos aproveitar para o progreso de todas e todos”, afirma o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

O Recreio
O Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada conta con instalacións para atender a máis de 200 internos e internas, ademais de teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de ocio. A entidade, fundada en 1940, acolle persoas anciás temporal ou permanentemente de forma gratuíta, ou con sistema de cofinanciamento, dando prioridade ás persoas españolas necesitadas e anciás.

Levan a cabo unha asistencia integral dos beneficiarios e beneficiarias que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, ximnasia, terapia ocupacional, actos culturais, etcétera, mellorando así o aspecto social, emocional e psicolóxico.

No ano 2004, concedéuselle a título póstumo a Medalla de Galicia na categoría de bronce a quen fora o seu presidente, Manuel Taboada Quintás, por ser o impulsor de varios programas de cooperación cos colectivos marxinais asentados en favelas de Brasil. Pola súa banda, a actual presidenta ten recollido diversos recoñecementos en ambas beiras do océano.

1011 lecturas