Miranda recibe a Regina Jallas, directora dun dos centros asistenciais galegos de referencia para toda a diáspora

  • O secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na audiencia que mantivo con Regina Jallas
    O secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na audiencia que mantivo con Regina Jallas
  • O secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na audiencia que mantivo con Regina Jallas
    O secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na audiencia que mantivo con Regina Jallas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho de Santiago a Regina Jallas, presidenta da Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada de Río de Xaneiro, un dos centros asistencias para as galegas e os galegos do Exterior que se ten convertido en referencia obrigada pola súa boa xestión e solvencia, tanto no Brasil como no resto do mundo.

Jallas e Miranda repasaron algunhas das actividades previstas polo Recreio co gallo do seu 75 aniversario, que se cumpre o vindeiro marzo, así como as posibilidades de colaboración nesas celebracións por parte do Goberno galego. A ese respecto, o secretario xeral manifestou que “será un orgullo podermos cooperar na celebración de tan importante data para unha entidade que defende e realza o nome de Galicia nunha materia tan sensible como a asistencia aos maiores”.

O Recreio conta con 250 habitacións, teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de esparcemento. A entidade, fundada en 1940, acolle persoas anciás temporal ou permanentemente de forma gratuíta, ou con sistema de cofinanciamento, dando prioridade ás e aos españois necesitados e persoas anciás. Levan a cabo unha asistencia integral das e dos beneficiarios que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, ximnasia, terapia ocupacional, actos culturais, etcétera, mellorando así o aspecto social, emocional e psicolóxico.

No ano 2004, concedéuselle a título póstumo a Medalla de Galicia na categoría de bronce a quen fora o seu presidente, Manuel Taboada Quintás, por ser o impulsor de varios programas de cooperación cos colectivos marxinais asentados en favelas de Brasil. Pola súa banda, a actual presidenta ten recollido diversos recoñecementos en ambas beiras do océano, a última das cales foi no decurso da Gala dos Xalleiros na que participou Antonio Rodríguez Miranda.

1161 lecturas