Emigración destina 10.000€ ao Centro Gallego de Mar del Plata para a atención social a galegas e galegos residentes nesta localidade arxentina
Esta axuda ten como obxectivo colaborar no funcionamento do centro de día desta entidade sen ánimo de lucro que asiste anualmente a unha quincena de galegas e galegos.
A Secretaría Xeral da Emigración destina, a través dun acordo de colaboración, 10.000 euros para o Centro Gallego de Mar del Plata, de cara a axudar na atención social das e dos galegos residentes nesta localidade arxentina.
Esta entidade sen ánimo de lucro creou en 2004 un centro de día co obxectivo de promover o apoio socioasistencial das persoas maiores a través da súa atención integral con carácter de servizo preventivo e de integración social.
Na cidade de Mar del Plata reside unha importante colonia de persoas galegas e a súa descendencia, que, a través deste centro, reciben un apoio socioasistencial importante no caso de aquelas e aqueles que teñen máis dificultades económicas. En concreto, nestes intres, están sendo atendidos nesta entidade case unha quincena de galegos e galegas.
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este centro galego na Arxentina, xa que considera necesario contribuír á prestación de apoio á colectividade galega residente neste país e que estean a pasar dificultades vitais.
Novas relacionadas