Emigración renova o seu firme compromiso para atender as necesidades asistenciais das e dos maiores galegos en Domselaar e Mar del Plata

O secretario xeral da Emigración asinou cadanseu acordo coas entidades galegas presentes nestas dúas localidades arxentinas.

  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda (á dereita), e o presidente do Fogar Galego para Anciáns de Bos Aires, Bernardo Rey (á esquerda)
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda (á dereita), e o presidente do Fogar Galego para Anciáns de Bos Aires, Bernardo Rey (á esquerda)
  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o presidente do Centro Galego de Mar del Plata, Manuel Crespo, durante a sinatura do convenio de colaboración
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o presidente do Centro Galego de Mar del Plata, Manuel Crespo, durante a sinatura do convenio de colaboración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de asinar cadanseu acordo de colaboración co Fogar Galego para Anciáns de Bos Aires, e o Centro Galego de Mar del Plata, ambos na Arxentina, para contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos.

Miranda destacou que, “a actividade destas entidades demostra o carácter solidario da diáspora galega e a súa capacidade para enfrontar, todas e todos xuntos, os episodios máis duros da vida, e a capacidade do pobo galego para botar unha man a aqueles que máis o precisan. Tamén na outra punta do mundo, os nosos paisanos son exemplo e modelo de política social. Non en van” -recordou o secretario xeral- “gran parte do sistema mutual de servizos sociais e sanitarios de toda América foi creado, e aínda en moitos casos segue xestionado directamente, por emigrantes galegos”.

Domselaar
En execución do primeiro dos acordos, dotado con 30.000 euros, o Fogar de Anciáns de Bos Aires comprométese a proporcionar prestacións de atención residencial ás cidadás e aos cidadáns galegos ingresados, realizar actuacións en prevención sanitaria, e proporcionarlles medicamentos e outro material xerontolóxico en caso de necesidade. Asemade, a entidade comprométese a dotar á residencia do equipamento e persoal especializado necesario para o seu correcto funcionamento, e a prestar os servizos obxecto do convenio nos termos nel establecidos.

O falecemento en 1942 dun ancián galego, natural de Ourense, a causa do frío e na propia rúa, impulsou o ánimo de moitas paisanas e paisanos para fundaren esta institución, constituída oficialmente ao ano seguinte. Asumiu como unha das súas actividades primordiais a prestación de atención social ás persoas emigrantes galegas e  ás e aos seus descendentes residentes na Arxentina, en especial na cidade de Bos Aires e municipalidades limítrofes, que se atopen en situación de necesidade, debido a circunstancias socio económicas ou persoais. O Fogar constitúe un dos centros galegos de maior importancia na Arxentina, tanto polo número de persoas que acolle como pola importancia dos programas de todo tipo que realiza en favor das persoas maiores de orixe galega residentes en Bos Aires.

Conta cunha residencia de persoas anciás con capacidade para cen persoas, na que se acolle a emigrantes ou descendentes, especialmente procedentes de Galicia, pois máis do 80% das usuarias e usuarios son galegos. A día de hoxe, esta institución está a desenvolver un destacado e insubstituíble labor socio asistencial, co que trata de facer efectiva a mellora da calidade de vida das e dos anciáns pertencentes á colectividade galega emigrante.

Mar del Plata
Co Centro Galego de Mar del Plata -localidade arxentina a 420 quilómetros da capital bonaerense, e segundo núcleo en importancia en número de galegas e galegos residentes na República Arxentina- asinou o máximo responsable da Secretaría Xeral da Emigración o segundo dos acordos de colaboración, dotado con 25.000 euros. O obxecto do acordo é axudar ao financiamento do Centro de Día dependente da entidade, onde se presta asistencia social e sanitaria ás persoas que, por causa da súa avanzada idade ou situación familiar ou de saúde, requiren dunha atención personalizada.

O Centro Galego de Mar del Plata conta con 65 anos de existencia e defínese como “unha entidade social con espírito comunitario”. Nas súas instalacións (tanto no centro da cidade como no complexo deportivo que posúe ás aforas da cidade) impártense actividades formativas, culturais e deportivas tan variadas como gaita, pandeireta, percusión, música coral, ximnasia artística, educación física para persoas adultas, ioga, tango, ou danzas tradicionais arxentina e galega, entre outras.

1189 lecturas