Miranda remata a rolda de máis dunha vintena de encontros telemáticos con preto de 200 referentes da colectividade galega no exterior para coñecer a súa situación durante a pandemia do coronavirus

Ás videoconferencias mantidas polo secretario xeral da Emigración con representantes da colectividade en Europa e América hai que engadir dúas específicas coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas presididas polo presidente e o vicepresidente da Xunta. 

As xuntanzas serviron para achegarse á realidade dos galegos e galegas de máis de vinte países e para debater propostas de futuro, tanto do propio departamento autonómico como da colectividade do exterior.  

O secretario xeral da Emigración, na sede da SXE en Santiago de Compostela, durante unha das videoconferencias
O secretario xeral da Emigración, na sede da SXE en Santiago de Compostela, durante unha das videoconferencias
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, rematou un percorrido pola situación actual dos galegos e galegas do exterior a través dunha rolda de máis dunha vintena de videoconferencias celebradas ao longo do último mes con preto de 200 referentes da colectividade galega fóra da nosa comunidade. Estas xuntanzas telemáticas achegaron ao titular do departamento autonómico á realidade das cidadás e os cidadáns galegos de países como A Arxentina, O Uruguai, Cuba, Brasil, Venezuela, Suíza, Alemaña, Francia, Reino Unido, Portugal, Estados Unidos de América, México, Liechtenstein, Porto Rico, Costa Rica, Panamá, Chile ou Portugal, entre outros, así como de aqueles e aquelas que viven noutras comunidades autónomas españolas, entre as que se atopan algunhas das más castigadas pola pandemia, como Madrid, Cataluña ou o País Vasco. Ademais destes encontros territoriais, o Goberno galego celebrou dous máis coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que foron presididos polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

O obxectivo destes encontros virtuais é poñer de manifesto tanto a realidade da poboación galega que reside fóra da Galicia territorial como a afección que esta vai ter na actividade das entidades galegas no exterior e na da propia Secretaría Xeral da Emigración. Neste último ámbito encádrase a decisión de adaptar os programas do departamento autonómico ao novo escenario mundial, suspendendo as viaxes internacionais, reforzando as axudas para garantir o funcionamento dos centros e axilizando e ampliando aquelas dirixidas aos galegos e galegas en situación de necesidade.

As xuntanzas serviron, así mesmo, para reforzar os lazos existentes entre as e os propios galegos dos países participantes e recoller opinións e suxestións que axuden a mellorar a súa situación de cara á crise económica e social que, previsiblemente, deixará a pandemia da COVID-19 nos países con maior presenza galega. A boa acollida que tiveron estes encontros telemáticos reforzan o labor de seguimento que a Secretaría Xeral da Emigración leva a cabo de xeito permanente coa colectividade galega que se atopa fóra da comunidade. 

932 lecturas