Miranda aproveita a Semana Santa para manter encontros telemáticos cos galegos e as galegas no exterior para seguir persoalmente a súa situación por mor da crise do coronavirus

O secretario xeral da Emigración iniciou esta nova serie de xuntanzas coa Delegación da Xunta na Arxentina e o Uruguai, dous dos países con maior presenza galega no mundo.

As reunións realizaranse por países ou comunidades autónomas en función do número de centros que existen en cada un dos destinos.

Na Arxentina e O Uruguai residen 222.070 cidadás e cidadáns galegos (o 42,40 % do total de residentes no exterior)
Na Arxentina e O Uruguai residen 222.070 cidadás e cidadáns galegos (o 42,40 % do total de residentes no exterior)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, está a aproveitar a Semana Santa para manter unha rolda de encontros telemáticos cos galegos e as galegas do exterior. O obxectivo destas reunións, que se levarán a cabo a través de videoconferencias, é permitir un seguimento constante e personalizado da situación da colectividade galega en todo o mundo a través dos centros, aos que reiterou a preocupación do Goberno galego pola evolución da súa situación por mor da crise do coronavirus.

Unha xuntanza do titular do departamento autonómico co da Delegación da Xunta na Arxentina e O Uruguai, Alejandro López Dobarro, abriu o ciclo que complementa o contacto permanente que se mantén desde a Secretaría coas galegas e os galegos do exterior, e que continuará con representantes doutras entidades de Europa e América. Durante o encontro, os responsables de ambas institucións repasaron a actualidade do país e da colectividade galega que vive neles, e estudaron posibles medidas de reforzo para paliar as consecuencias que a pandemia da COVID-19 pode ter nas cidadás e os cidadáns galegos de ámbolos dous países andinos.

Na Arxentina, o país con maior presenza galega do mundo, residen actualmente máis de 180.000 galegas e galegos, entre os nados na comunidade e os descendentes que xa foron nados na súa terra de acollida. O Uruguai, pola súa banda, ocupa o cuarto lugar dos países con maior cantidade de poboación galega, con máis de 41.000 habitantes orixinarias e orixinarios de Galicia, só precedido polo Brasil e Cuba.

Agrupados por territorio
A elevada cantidade de centros galegos que hai no exterior permite, así, agrupalos por continentes, países ou mesmo comunidades autónomas, no caso de España, para a celebración das videoconferencias. Nos vindeiros días, Antonio Rodríguez Miranda trasladará os encontros telemáticos a España e outros países de Europa nos que se sitúan entidades galegas.

1146 lecturas