Miranda reitera o compromiso coa colectividade galega en Canarias
O secretario xeral da Emigración recibiu a Albino Aneiros, presidente da Casa de Galicia de Las Palmas.
Agradece o papel da entidade no arraigamento dos galegos e as súas iniciativas culturais e sociais, como a Cabalgata de Reis.
Nas Illas Canarias viven actualmente preto de 25.000 galegos e galegas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe a Albino Aneiros, presidente da Casa de Galicia de Las Palmas, para tratar cuestións relacionadas coa colectividade galega na comunidade e abordar iniciativas para reforzar o apoio aos galegos e galegas residentes na zona.
No encontro, Aneiros transmitiulle ao secretario xeral as iniciativas culturais e sociais nas que están traballando agora, entre as que destaca a preparación da tradicional Cabalgata de Reis que, desde hai anos, organiza a Casa de Galicia de Las Palmas.
Ademais, Miranda agradeceu o papel clave da entidade á hora de facilitar o arraigamento dos galegos e galegas fóra da comunidade, sen perder o vínculo coa súa terra de orixe. E convidou á Casa de Galicia a continuar promovendo proxectos que permitan á mocidade galega coñecer e implicarse activamente nas actividades da colectividade.
Actualmente, nas Illas Canarias viven preto de 25.000 galegos e galegas, 15.000 deles en Las Palmas de Gran Canaria. O secretario xeral reiterou o compromiso da Xunta coa galeguidade e a vontade de seguir colaborando coas dúas entidades nas illas -a Casa de Galicia de Las Palmas e o Centro Gallego de Santa Cruz de Tenerife– que entre ambas suman 500 persoas asociadas.
Novas relacionadas




