Miranda compromete o apoio da Xunta ao proceso de revitalización do Lar Galego de Pamplona

O secretario xeral da Emigración visitou a única comunidade galega de Navarra, presente na rexión desde hai máis de 60 anos.

  • O secretario xeral da Emigración (á dereita) acompañado do presidente do Lar Galego de Pamplona
    O secretario xeral da Emigración (á dereita) acompañado do presidente do Lar Galego de Pamplona
  • Imaxe do acto de celebración do XX Capítulo da Confraría da Queimada no País Vasco que se desenvolveu onte na cidade donostiarra
    Imaxe do acto de celebración do XX Capítulo da Confraría da Queimada no País Vasco que se desenvolveu onte na cidade donostiarra
  • Miranda e Xosé Antonio Vilaboa, presidente da Confraría da Queimada, durante o acto de onte domingo en Donostia-San Sebatián
    Miranda e Xosé Antonio Vilaboa, presidente da Confraría da Queimada, durante o acto de onte domingo en Donostia-San Sebatián
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, completou a súa andaina desta fin de semana a San Sebastián, onde foi investido confrade de honra da ‘Enxebre e Pelengrina Confradía da Augardente e a Queimada no País Vasco’ cunha viaxe ata a capital da Comunidade Foral veciña de Navarra.

En Pamplona visitou o Lar Galego, onde se reuniu con socias e socios e tivo oportunidade de tomarlle o pulso á única comunidade galega existente nesta rexión, que leva máis de sesenta anos espallando e divulgando a cultura galega, e organizando todo tipo de actividades sociais e recreativas para irmandar ás galegas e galegos residentes alí, e a estas e estes coa sociedade de acollida.

Rodríguez Miranda comprometeu o apoio do seu departamento, e do resto da Xunta de Galicia, para dar respaldo ao proceso de revitalización que está a vivir a entidade, co obxectivo de atraer ás segundas xeracións de galegos e galegas e facer que conserven as ligazóns coa terra das e dos seus proxenitores, “e axudar así á proxección exterior de Galicia, a consolidar a boa imaxe que se ten dos galegos aquí, e sobre todo a abrir novas pontes de colaboración futura entre a nosa terra e tódolos territorios de España e do mundo”, en palabras do secretario xeral.

O Lar
O Lar Galego de Pamplona foi fundado oficialmente en 1951, aínda que xa dende cinco anos atrás as galegas e os galegos residentes na capital navarra tiñan encetado actividades comúns para sementar a Galeguidade na Comunidade Foral. Conta con local social en propiedade, dotado de sala de xuntas, sala de ocio, biblioteca, e amplo salón para ensaios do grupo de danzas, unha das actividades máis salientables do Lar.

A entidade, que preside Juan Manuel Campos Bouzas e á que están adscritas en torno a 400 persoas, está presente en cantas manifestacións culturais se promoven na cidade. A súa actividade social e cultural é amplamente recoñecida polas institucións locais.

916 lecturas