Miranda recibe á presidenta da Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro de Madrid
O secretario xeral da Emigración recibiu no seu despacho a Jovita Fernández, presidenta da Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro de Madrid, con quen analizou a situación vivida pola entidade durante estes meses de pandemia así como a recuperación das actividades presenciais.
Miranda aproveitou a visita de Jovita Fernández para agradecerlles a súa participación durante os actos celebrados recentemente na Semana Galega de Madrid, xunto co Centro Galego de Madrid.
En relación á recuperación das actividades presenciais e das actuacións desta agrupación, o secretario xeral reiterou a colaboración e apoio da Xunta de Galicia xunto ao seu compromiso de participación nalgunha das mesmas.
Pola Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro de Madrid pasaron dende os seus inicios, fai case 100 anos, célebres mestres como Reveriano Soutullo, Germán Lago e Miguel Grova. A través da súa actividade, esta entidade tenta transmitir a esencia do baile e da música galega a través da saudade e o folclore. Na actualidade conta con medio cento de membros e alumnas e alumnos de tódalas idades.
Novas relacionadas




