Miranda recibe a unha membro da directiva da Hermandad Gallega de Venezuela agradecendo o traballo desta entidade a través da súa Oficina de Atención Social

O secretario xeral da Emigración solicitou a Valentina Cameán que trasladara a súa felicitación polo traballo realizado en prol da comunidade galega deste país.

Pediulle que mantiveran o esforzo para garantir que se poida atender a tódalas familias galegas que están a presentar necesidades nestes intres no país caribeño.

O responsable do departamento autonómico recordou que nestes intres atópase aberto o prazo de solicitude das axudas de emerxencia social para persoas que se atopen nunha grave situación xerada pola pandemia.

Miranda lembrou que o prazo de solicitude das Axudas de Emerxencia Social remata o 15 de novembro
Miranda lembrou que o prazo de solicitude das Axudas de Emerxencia Social remata o 15 de novembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho a Valentina Cameán, membro da directiva da Hermandad Gallega de Venezuela, a quen transmitiu o seu agradecemento polo esforzo e traballo realizado nesta época tan complexa para manter a súa actividade e así poder atender aos galegos e galegas con necesidades sociais residentes neste país, en especial a través da súa Oficina de Atención Social.  

Miranda recordou que nestes intres Venezuela está a vivir restricións importantes a causa da pandemia da covid-19, “que poderían incrementarse nas próximas semanas segundo nos trasladan os propios galegos que residen alí”, o que fai moi complexo o traballo das entidades galegas. “É por iso que queremos agradecerlles todo o esforzo que están a realizar e insistirlles en que manteñan a súa intensidade de traballo para apoiar a aqueles dos nosos residentes alí que o necesiten”, engadiu o secretario xeral.

Neste senso, fixo especial referencia á Oficina de Atención Social da Hermandad Gallega de Venezuela, “pero tamén do resto de centros galegos no país, xa que sen a súa colaboración, e a de tódolos voluntarios que traballan con eles, sería moi difícil chegar ata todos eses galegos que necesitan do noso apoio. De feito, grazas a eles puidemos chegar este ano xa ata 1.707 familias que recibiron as nosas axudas económicas individuais. Pero aínda nestes intres temos aberta a liña de Axudas de Emerxencia Social coa que queremos apoiar ás persoas que sufran unha situación grave derivada da pandemia da covid-19”.

O Goberno galego destina este ano 500.000 euros a estas axudas de emerxencia social co obxectivo de axudar ás e aos residentes do exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevidos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarios ou asistenciais. 

Estas axudas destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, cun apoio que pode chegar ata os 3.000 euros. O prazo para solicitalas remata o 15 de novembro.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón.  

619 lecturas