O prazo de solicitude das axudas de emerxencia social para galegas e galegos no exterior remata o próximo luns, 16 de novembro

A Secretaria Xeral da Emigración recorda que estas axudas permiten atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario.

Foto de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración ao Hogar San José de Caracas
Foto de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración ao Hogar San José de Caracas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración recorda que o próximo luns, 16 de novembro, remata o prazo para a presentación das axudas de emerxencia social para galegas e galegos no exterior que teñen como obxectivo atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario.  

A convocatoria desta liña de axudas é un programa deseñado co obxectivo de colaborar coas e cos emigrantes galegos no exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial e que precisen dunha atención urxente para evitar ou paliar situacións de necesidade social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias.

Estas axudas contan cun orzamento de 200.000 euros que poden ser ampliables en función do número de solicitudes presentadas.

Os beneficiarios e beneficiarias serán persoas emigrantes galegas e o os seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior. Excepcionalmente, para o caso de ter que realizar un viaxe as persoas ás que se refire este punto e que non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón. 

As persoas interesadas poden dirixirse aos seguintes enlaces: https://sede.xunta.gal e http://emigracion.xunta.gal.

En imaxes
471 lecturas