A Xunta abre o prazo das axudas para familias galegas do exterior en situación de emerxencia social urxente
O Goberno galego destina 50.000 euros a atender ás e aos residentes do exterior que padezan un deterioro grave da súa situación social e económica.
O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ao longo deste ano, ata o próximo 15 de novembro.
A Secretaría Xeral da Emigración vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente.
Deste xeito, o Goberno galego destina 50.000 euros ás e aos residentes do exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevidos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarios ou asistenciais.
Estes apoios económicos consisten en axudas de ata 3.000€ por persoa beneficiaria e destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atopen en situacións de emerxencia social.
Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas son ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón.
O prazo destas axudas estará aberto ata o 15 de novembro e, para máis información, as e os interesados poden coñecer a nova liña a través desta ligazón.
Novas relacionadas