Miranda recibe a Leirós, fillo predilecto da súa localidade natal e presidente durante 17 anos de ‘Residentes de Mos’ de Bos Aires, e á alcaldesa deste concello
O secretario xeral destaca “o permanente afán de superación” que ten amosado Leirós e, canda el, centos de miles de galegas e galegos en todo o mundo.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a José Leirós, emigrante galego na Arxentina que vén de ser nomeado por ese concello pontevedrés Fillo Predilecto, e que foi presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires durante 17 anos.
A corporación mosense decidiu darlle a Leirós esta máxima distinción pola súa traxectoria na capital arxentina en favor de toda a colectividade galega, e como recoñecemento, na súa persoa, ás e aos centos de veciños e veciñas dese municipio que deixaron a súa terra na procura dun futuro máis próspero, tanto para elas e eles e os seus descendentes, como para as e os familiares que quedaban en Mos.
Dese vínculo imperecedoiro que uniu a Leirós e a centos de miles de emigrantes coma el, coa terra nai, é magnífico expoñente o legado daquelas pioneiras ‘escolas de indianos’, así chamadas porque estaban sufragadas polas achegas da diáspora, e nas que aprendían a ler e escribir os meniños e meniñas do rural galego: foi o primeiro acceso de moitos rapaces -e tamén rapazas- ao ensino regrado, un feito ata entón inédito na historia galega. En Mos segue activa a Escola de Cototorrón, impagable doazón en prol da súa educación e loita contra o analfabetismo das e dos mosenses daqueles tempos, que hoxe alberga unha Escola Infantil.
Miranda asegurou na súa entrevista con Arévalo e Leirós que “neste paisano temos un exemplo senlleiro da capacidade de integración dos galegos na sociedade de recepción sen abandonar a cultura propia nin o cariño pola terra. Mais sobre todo, a lección que Leirós e tantos coma el nos ensinan, aos galegos de fóra e aos de dentro tamén, é o permanente afán de superación”.
Acto oficial
O pasado domingo tivo lugar en Mos a imposición oficial do nomeamento de Fillo Predilecto, acto ao que asistiron a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; as e os membros da Corporación Municipal; e, en ausencia de Miranda -presente na celebración do Centro Galego de Londres- acudiu en representación da Secretaría Xeral da Emigración o subdirector xeral de Retorno, José Carlos García Bouzas. Ademais do nomeamento como Fillo Predilecto de Leirós, o Concello entregou medallas ao mérito a diversas entidades e persoas locais.
Novas relacionadas