Miranda recibe ao primeiro grupo de escolares andorranas e andorranos que fan o Camiño de Santiago trala promoción que realiza o Centro Galego de Barcelona
A iniciativa, que se estenderá a toda a comunidade educativa do Principado pirenaico, conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
Este grupo pioneiro foi tamén recibido por autoridades relixiosas e locais.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu na Praza do Obradoiro ao primeiro dos grupos de escolares procedentes do Principado de Andorra que, desde hoxe e ao longo dos vindeiros meses, percorrerán o Camiño de Santiago baixo a iniciativa do Centro Galego de Barcelona. A organización conta co respaldo de diversos departamentos da Xunta de Galicia: a Secretaría Xeral da Emigración, a Axencia Turismo de Galicia, e a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.
O Centro, que preside Carlos Mandianes, está a realizar unha importante promoción da ruta xacobea, e de Galicia enteira, tanto na Comunidade Autónoma catalá coma no devandito Principado, neste caso en colaboración coas directivas dos centros escolares andorranos e de destacados membros da diáspora galega residentes no Estado pirenaico.
O Centro Galego de Barcelona, que conta con 125 anos de existencia, é unha das moitas comunidades galegas que colabora activamente na promoción e difusión de Galicia, axudando á súa proxección nacional e internacional, tanto no ámbito cultural coma no económico. Trátase dun exemplo máis do traballo que, en prol da Galicia territorial, realizan as comunidades galegas no resto de España e do mundo.
Este primeiro grupo pioneiro de escolares andorranas e andorranos, alumnado con idades entre os 14 e os 17 anos que viñeron acompañados de dous docentes, fixeron o Camiño desde Sarria en cinco xornadas e, trala conclusión da andaina e a recepción de cadansúa compostela, foron tamén recibidas e recibidos por autoridades relixiosas e locais.
Novas relacionadas





