Miranda e as máximas autoridades do Principado participaron na celebración da diáspora en Andorra, onde residen 2.000 galegos e galegas
O secretario xeral da Emigración lembrou as fondas ligazóns coa sociedade de adopción que nas últimas décadas teceu a colonia galega no Principado.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na gran celebración anual da colectividade galega residente no Principado de Andorra, organizada pola Asociación Cultural Casa de Galicia, e que xa se ten convertido nun referente fundamental da axenda social no país pirenaico.
Canda Miranda, participaron no evento as máximas autoridades locais, entre elas o Cap de Govern (Presidente do Goberno), Antoni Martí; a cònsol major (alcaldesa) da capital Andorra la Vella, Rosa Ferrer; e o embaixador e mailo cónsul xeral de España no Principado, Alberto Moreno e Antonio Belver, respectivamente. Con esta importante presenza institucional local, dáse boa proba da relevancia do evento, e da propia importancia social da diáspora galega en Andorra.
No Principado residen, segundo os datos provisionais do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) 1.952 galegas e galegos, das e dos que case a metade proceden da provincia de Pontevedra. Trátase dunha emigración que ten amosado unha moi relevante capacidade de adaptación na sociedade de acollida, de maneira que a colonia galega goza alí dun relevante prestixio histórico e presente. O secretario xeral da Emigración quixo aproveitar a xuntanza anual máis salientable no calendario da diáspora galega en Andorra para saudar persoalmente a esta colectividade no Exterior.
Precisamente, na súa alocución, Rodríguez Miranda gabou esa integración exemplar dos galegos e as galegas en Andorra, e fixo fincapé na necesidade de “tirar proveito” da “experiencia, bagaxe e colaboración da nosa diáspora” á hora de enfrontar “os actuais atrancos que estamos a vivir no aspecto económico”.
Trátase dunha mensaxe que tanto o secretario xeral da Emigración, como o propio Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teñen transmitido ás colectividades galegas no Exterior, no sentido de aproveitar o feito de que cada emigrante pode ser o mellor embaixador ou embaixadora de Galicia, e a mellor porta de entrada a novos mercados locais.
A Casa de Galicia
A Asociación Cultural Casa de Galicia, que preside Antonio Iglesias, é unha entidade nada no ano 1994, e que conta con sede física desde dous anos máis tarde. Sufragan boa parte do seu orzamento precisamente con esta celebración anual que, baixo a denominación de ‘Festa do Polbo’ –manxar especialmente prezado no Principado de Andorra-, acada neste ano a súa décimo novena edición, que logra concitar a presenza de milleiros de andorranos e andorranas, e mercé a cal manteñen unha ampla axenda de actividades sociais e culturais ao longo do ano. A Asociación é arestora a única entidade con recoñecemento de Galeguidade con sede no Principado pirenaico.
Novas relacionadas