Miranda: “A raia nunca nos separou; Galicia e Portugal construíron durante séculos un espazo común de circulación e cultura”

O secretario xeral da Emigración participou na Universidade de Santiago na presentación das publicacións derivadas do "Coloquio Internacional Cruzamentos Galiza-Portugal".

A Xunta apoiou investigacións, exposicións e actividades culturais que afondan nas redes migratorias, culturais e musicais entre ambos territorios desde o século XVI ao XX.

  • Miranda: “A raia nunca nos separou; Galicia e Portugal construíron durante séculos un espazo común de circulación e cultura”
    Miranda: “A raia nunca nos separou; Galicia e Portugal construíron durante séculos un espazo común de circulación e cultura”
  • Miranda: “A raia nunca nos separou; Galicia e Portugal construíron durante séculos un espazo común de circulación e cultura”
    Miranda: “A raia nunca nos separou; Galicia e Portugal construíron durante séculos un espazo común de circulación e cultura”
  • Miranda: “A raia nunca nos separou; Galicia e Portugal construíron durante séculos un espazo común de circulación e cultura”
    Miranda: “A raia nunca nos separou; Galicia e Portugal construíron durante séculos un espazo común de circulación e cultura”
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 19 de febreiro de 2026.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe na Universidade de Santiago de Compostela na presentación das publicacións promovidas no marco do Coloquio Internacional Cruzamentos Galiza-Portugal. Redes Migratorias e Culturais, unha iniciativa que contou co patrocinio e financiamento da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Durante a súa intervención, Miranda destacou que “as relacións entre Galicia e Portugal non son episodios illados da nosa historia, senón unha realidade plurisecular marcada pola mobilidade constante de persoas, bens e producións culturais”. Neste sentido, subliñou que a chamada “raia” galaico-portuguesa “non funcionou como unha fronteira ríxida, senón como un espazo dinámico e cambiante de tránsito e intercambio”.

O secretario xeral puxo en valor especialmente a obra de investigación Estudos transfronteirizos Galicia-Portugal: migración, exilio, cultura e música (séculos XVI-XX), que recolle once relatorios asinados por quince investigadores galegos e portugueses. A publicación aborda, desde unha perspectiva transnacional e multidisciplinar, cuestións como a emigración laboral, o exilio, a música, a cultura ou mesmo a saúde pública, ofrecendo unha visión comparada das relacións históricas entre ambos territorios.

“Non falamos só de emigración económica”, afirmou Miranda, “falamos tamén de redes culturais, de circulación artística, de itinerarios vitais que conectaron Galicia e Portugal durante séculos e que, avanzado o século XVIII, se estendían por boa parte do territorio portugués”.

Así mesmo, salientou a importancia da obra Pedreiros Galegos no Minho no século XVIII, que recupera a memoria histórica dos canteiros galegos na provincia do Miño, identificando as súas obras e localizacións e facilitando itinerarios de visita mediante ferramentas dixitais. “Trátase dun exemplo magnífico de como a investigación histórica pode dialogar co territorio e coa sociedade actual”, indicou.

Miranda tamén fixo referencia ás actividades de transferencia de coñecemento desenvolvidas no Centro Galego de Lisboa no marco do Coloquio, entre elas a exposición Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX e XX. Galicia, Portugal, América, que visibiliza o papel de artistas galegas que triunfaron en Lisboa e Oporto e que, ademais, desenvolveron longas traxectorias en América, actuando como auténticas embaixadoras culturais de Galicia.

“A universidade ten un papel fundamental na preservación e análise rigorosa da nosa memoria colectiva”, sinalou o secretario xeral, quen incidiu en que as políticas públicas deben apoiarse no coñecemento académico para comprender mellor os fenómenos migratorios pasados e presentes.

Finalmente, Miranda destacou que esta historia compartida é tamén a base da cooperación actual no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un dos espazos transfronteirizos máis dinámicos de Europa. “Se no pasado a mobilidade foi moitas veces unha resposta á necesidade, hoxe a cooperación é unha elección estratéxica”, concluíu, reafirmando o compromiso da Xunta co fortalecemento dos lazos culturais, académicos e institucionais co país veciño.

347 lecturas