Feijóo pide ás e aos galegos do exterior que sexan embaixadores do Xacobeo 2021 e convertan o próximo Ano Santo no mellor da historia

Precisa que os 150 centros galegos no mundo non só levaron por todos os lugares a nosa historia, a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa memoria, senón tamén os nosos valores: tolerancia, convivencia e unión.

Asegura que as comunidades de galegas e galegos no exterior son a mellor proba para desmentir falsos argumentos que agroman en algúns lugares de España e de Europa; un gran monumento á convivencia.

Traslada, unha vez máis, a preocupación por Venezuela e polos 36.000 galegos e galegas que viven no país; e incide na necesidade de que se estableza un procedemento específico para facilitar o retorno das familias.

Recorda que mañá sábado a emigración galega no seu conxunto recibirá a Medalla do Parlamento de Galicia, “polo voso labor, compromiso, valentía e valores”, asevera.

  • O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
  • O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
  • O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
  • O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta participou na inauguración da reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe ás galegas e aos galegos do exterior que sexan embaixadores dun dos eventos máis importantes da década que vén, o Xacobeo 2021. “O reto convoca á Galicia de aquí, pero tamén á Galicia de todos os países que representades”, dixo, durante a reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas.

Ao longo da xuntanza, Feijóo lembrou que os galegos e galegas do exterior exerceron sempre unha galeguidade activa, ensinando polo mundo a nosa cultura; prestixiaron o nome de Galicia, emprenderon e triunfaron e sempre demostraron a súa preocupación polo que ocorría na súa terra de orixe. “Por fortuna, lonxe ou preto, sempre soubemos vivir como unha comunidade, como construír o noso propio nós”, sinalou.

Nesta liña, incidiu en que poucos pobos teñen a fortuna de poder atopar unha casa ou un fogar en tantos lugares do mundo; unha especie de embaixadas que se crearon espontaneamente e que non van en contra de ninguén, senón a favor da convivencia. “E por iso, quero reivindicar o voso papel no mundo”, sentenciou.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico asegurou que as comunidades de galegas e galegos no exterior son a mellor proba para desmentir falsos argumentos que agroman en algúns lugares de España e de Europa; un gran monumento á convivencia. “As identidades suman, non restan. Así o demostrades todos vós”, dixo, precisando que os 150 centros galegos no mundo -as 150 casas de Galicia- non só levaron por todos os lugares a nosa historia, a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa memoria, senón tamén os nosos valores: tolerancia, convivencia e unión.

O titular da Xunta aproveitou o acto para transmitir, unha vez máis, a preocupación por Venezuela e polas e polos 36.000 cidadás e cidadáns galegos que viven no país. E fixo fincapé na necesidade de que se estableza un procedemento específico para facilitar o retorno das familias.

Ao respecto, referiuse aos obstáculos que as parellas mixtas ou con fillas e fillos que non teñen a nacionalidade atopan para conseguir permisos de residencia ou de traballo, ás dificultades para a homologación de títulos ou o acceso á vivenda. “Precisamos que as administracións locais, provinciais e autonómicas teñan moi en conta que o acceso á vivenda é a tarxeta de entrada e benvida que lle debemos a calquera familia retornada de Venezuela”, dixo, sobre este último punto, resaltando tamén a necesidade de reforzar a Fundación España Salud, para aumentar o número de persoas beneficiarias que poidan contar con cobertura sociosanitaria e para atender as súas necesidades básicas a través das tarxetas de alimentos.

Feijóo quixo tamén destacar a implicación das comunidades de galegas e galegos e a súa relevancia na xestión das axudas sociais e asistenciais, e recordou que mañá sábado a emigración galega no seu conxunto recibirá a Medalla do Parlamento de Galicia, “polo voso labor, compromiso, valentía e valores”.

O presidente da Xunta concluíu resaltando ademais que ser galega ou galego é hoxe unha oportunidade para as comunidades de galegas e galegos do exterior, e especialmente para as e os máis novos, aos que a Comunidade lles abre as portas para que acaben aquí a súa formación e, a continuación, poidan comezar un futuro laboral. “É unha oportunidade para as segundas e terceiras xeracións do exterior, pero tamén para Galicia”, matizou, en alusión ao reto demográfico.

542 lecturas