Emigración e Fundación Ronsel colaborarán na formación para acadar a empregabilidade de máis de 300 galegas e galegos retornados, tanto por conta allea coma no autoemprego

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou hoxe, co representante da Fundación, Luis García Deber, o convenio que permite a posta en marcha do programa de apoio para emprendedoras e emprendedores retornados Merlo e para novos obradoiros, cursos e itinerarios individualizados de inserción laboral e coñecemento do mercado laboral galego.

O acordo supón unha colaboración económica da Xunta de 200.000 euros.

  • Antonio Rodríguez Miranda e Luis García Deber, durante a sinatura do acordo de colaboración
    Antonio Rodríguez Miranda e Luis García Deber, durante a sinatura do acordo de colaboración
  • Antonio Rodríguez Miranda e Luis García Deber, durante a sinatura do acordo de colaboración
    Antonio Rodríguez Miranda e Luis García Deber, durante a sinatura do acordo de colaboración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou hoxe, co representante da Fundación Ronsel, Luis García Deber, o acordo de colaboración que permitirá ampliar o programa formativo que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade de máis de 300 galegas e galegos retornados, tanto por conta allea coma a través do autoemprego.

Esta iniciativa aposta por facilitar a maior cobertura posible aos galegos e galegas que volven á comunidade autónoma no seu proceso de adaptación á sociedade galega. 

Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel desenvolverán, a través do convenio firmado hoxe, diversas accións conxuntas destinadas á mellora da empregabilidade, tanto por conta allea coma por conta propia, das persoas emigrantes retornadas, por un importe de 200.000 euros, dobrando así o investimento do ano pasado dado o éxito que tivo esta iniciativa.

Con este obxectivo, apoiarase economicamente a esta Fundación para que, por unha banda realice obradoiros grupais, charlas e cursos dirixidos a proporcionar as ferramentas necesarias para coñecer o mercado de traballo galego, así como se levarán a cabo itinerarios individualizados de inserción laboral adaptados ás condicións particulares de cada un dos e das participantes. Estas accións, que buscan a eficiencia na busca de traballo por conta allea, van dirixidas a un máximo de 250 persoas emigrantes retornadas.  E, por outro lado, continuarase co Programa de mentorización Merlo,  que ofrece o maior apoio posible a estas e estes novos empresarios para consolidar os seus negocios na comunidade autónoma galega. Nesta iniciativa concreta, darase formación a case un centenar de galegas e galegos emprendedores retornados.

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. 

399 lecturas