O Consello da Xunta autoriza un acordo para financiar con 200.000 euros o programa de orientación ao emprego por conta allea e tamén o Programa Merlo, por conta propia, para galegas e galegos retornados

As accións de este programa están destinadas á mellora da empregabilidade das persoas emigrantes retornadas.

O Programa Merlo ofrece persoal de apoio de mentoría ás e aos emprendedores galegos retornados de cara ao apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais.

Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura de un convenio da Secretaría Xeral da Emigración coa  Fundación Ronsel para desenvolver accións conxuntas destinadas á mellora da empregabilidade, tanto por conta allea como por conta propia, das persoas emigrantes retornadas, por un importe de 200.000 euros.

Con este obxectivo apoiarase economicamente esta fundación para que, por unha banda realice obradoiros grupais, charlas e cursos dirixidos a proporcionar as ferramentas necesarias para coñecer o mercado de traballo galego, e levaranse a cabo itinerarios individualizados de inserción laboral adaptados ás condicións particulares de cada un dos e das participantes. Estas accións, que pretenden a eficiencia na busca de traballo por conta allea, van dirixidas ás persoas emigrantes retornadas.

Por outro lado, Ronsel continuará tamén a desenvolver o Programa de mentores Merlo, que ofrece o maior apoio posible a estes novos empresarios e empresarias para consolidar os seus negocios na Comunidade Autónoma galega.

Este programa ofrece persoal de apoio de mentoría ás e aos emprendedores galegos retornados de cara ao apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”.

Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer un servizo de acompañamento por medio dunha figura dunha ou dun mentor que reforce as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia.

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídas as e os galegos emprendedores retornados.

323 lecturas