Miranda mantén unha videoconferencia cos fogares que acollen galegos e galegas de Montevideo e Bos Aires aos que se aportaron 140.000 euros en axudas
O secretario xeral da Emigración agradece ás entidades locais o esforzo feito a prol da colectividade durante a “difícil situación que nos está a tocar vivir”.
Dentro deste escenario, aumentáronse as dotacións dos acordos de colaboración para facer fronte ao momento actual.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, segue a desenvolver, tralo seu recente nomeamento, unha rolda de contactos coa colectividade galega no exterior a través de diferentes videoconferencias. Desta volta, Miranda reuniuse con representantes dos fogares galegos de Montevideo e Bos Aires.
Deste xeito, no encontro estiveron presentes o presidente do Hogar Español de Montevideo, Ángel Domínguez, así como o presidente do Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires, Bernardo Rey González. Tamén participou na reunión o delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro.
Durante o encontro, o titular do departamento autonómico analizou cos presidentes de ambos fogares a actual situación xerada pola crise mundial da covid-19, trasladándolle “todo o seu apoio e gratitude” polo labor que están a desenvolver, xa que “o seu traballo é fundamental nun momento tan crucial como o presente”, engadiu Rodríguez Miranda, quen tamén quixo coñecer as súas necesidades e a realidade cotiá en dous países que están a vivir un importante illamento social para frear a pandemia.
O secretario xeral, ademais, tamén analizou con ambos responsables os acordos de colaboración que mantén o seu departamento con ambos fogares e que chegaron este ano ata os 140.000 euros, de cara a reforzar a súa labor “neste difícil momento que se está a vivir” e que lles permiten atender a máis de 200 persoas en ambos países. Ademais, os responsables das entidades puxeron en común as súas necesidades e perspectivas de futuro.
Un escenario no que Rodríguez Miranda expuxo as diferentes alternativas e opcións nas que vén traballando a Secretaría para reforzar os vínculos e a colaboración coas entidades no vindeiro exercicio, promovendo, un ano máis, distintos programas de apoio que lles axuden a facer fronte aos custos derivados da actual crise sanitaria.
Destacar que este tipo de entidades merecen unha especial mención xa que se dedican ao coidado das e dos maiores, con centros de día e residencias de persoas anciás, un colectivo especialmente afectado pola actual pandemia. A Secretaría Xeral da Emigración destina este ano 2020 un esforzo especial para axudar a estas entidades nos distintos países do exterior.
Novas relacionadas




