Miranda percorrerá algunhas das principais cidades do segundo país con maior colectividade galega, o Brasil, para expor as medidas de fomento do retorno

O titular da Secretaría Xeral da Emigración comeza hoxe en Salvador de Baía unha xira polas localidades que contan con maior presenza galega para detallar e aclarar posibles dúbidas sobre a Estratexia Galicia Retorna 2023·26.

O documento, que conta con ata 100 medidas para facilitar o regreso á Comunidade, presta especial atención ao eido laboral, con programas pioneiros como Retorna Cualifica Emprego, que oferta ata 400 postos de traballo cun contrato en man.

No ámbito educativo, o secretario xeral informará sobre as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo prazo para solicitar axudas para estudar un máster na Comunidade está aberto.

A Estratexia Galicia Retorna preséntase hoxe en Salvador de Baía e mañá, 26 de marzo, farao en Santos e São Paulo
A Estratexia Galicia Retorna preséntase hoxe en Salvador de Baía e mañá, 26 de marzo, farao en Santos e São Paulo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, iniciará hoxe un percorrido por algunhas das principais cidades do segundo país con maior colectividade galega, O Brasil, para expor as medidas de fomento do retorno que a Xunta de Galicia ofrece aos galegos e galegas do exterior. A xira comezará en Salvador de Baía, onde o titular do departamento galego detallará as iniciativas que conforman a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 e informará das vantaxes laborais e educativas que ofrece a Comunidade Autónoma para garantir a integración efectiva das e dos retornados a Galicia. 

No acto, que se celebrará na sede da asociación Caballeros de Santiago de Salvador de Baía ás 16 horas (20 horas en Galicia), estará acompañado dos representantes das Fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas da xestión do programa máis novidoso, o Retorna Cualifica Emprego, que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que ofertará ata 400 postos de traballo en Galicia cun contrato indefinido. O obxectivo desta iniciativa é casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados e retornadas. 

O documento aborda, deste xeito, o regreso á Comunidade desde catro eidos esenciais: o asesoramento e seguimento, o social, o laboral e o formativo. Dentro deste último destaca un dos programas clave da Estratexia Galicia Retorna, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo prazo de solicitude atópase aberto nestes intres e ata o próximo 28 de abril. A través desta iniciativa autonómica, os 250 mellores expedientes universitarios de galegas e galegos do exterior poden optar a unha axuda para realizar un máster nunha das tres universidades galegas.

Trala presentación de Salvador de Baía, Antonio Rodríguez Miranda continuará o percorrido polo Centro Espanhol de Santos e a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos - Casa de Espanha de São Paulo, ás 10 e ás 16 horas respectivamente (15 e 21 horas en España).

A Estratexia Galicia Retorna conta cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto para seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior. 

403 lecturas