Miranda asina convenios con tres entidades de carácter social no Brasil, o segundo país do mundo con maior presenza galega

O centro de día da Casa de España e tanto a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro de São Paulo como a de Santos recibiron a visita do secretario xeral da Emigración.

  • O secretario xeral da Emigración, na sinatura do convenio coa Casa de España en Río de Xaneiro
    O secretario xeral da Emigración, na sinatura do convenio coa Casa de España en Río de Xaneiro
  • O secretario xeral da Emigración reuniuse tamén co cónsul xeral de España en São Paulo, Ángel Vázquez Díaz de Tuesta en
    O secretario xeral da Emigración reuniuse tamén co cónsul xeral de España en São Paulo, Ángel Vázquez Díaz de Tuesta en
  • O secretario xeral da Emigración, na sinatura do convenio coa Casa de España en Río de Xaneiro
    O secretario xeral da Emigración, na sinatura do convenio coa Casa de España en Río de Xaneiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, dedicará unha gran parte da súa primeira viaxe do ano ao Brasil á sinatura de varios convenios con entidades galegas de carácter social que exercen a súa actividade nalgunhas das principais cidades do país. Rio de Janeiro, São Paulo e Santos serán os tres puntos xeográficos nos que recalará o responsable do departamento autonómico para formalizar os acordos con centros de días e de atención social de orixe galega destinados a maiores sen recursos. 

A primeira parada que realizou Miranda foi na Casa de España de Río, que está a desenvolver unha importante labor socio asistencial orientada a facer efectiva a mellora da calidade de vida das e dos anciáns pertencentes á colectividade galega a través do mantemento dun centro social de maiores, mediante o que executa actividades de rehabilitación e estimulación mental e física, atendido por persoal especializado, do que veñen beneficiándose anualmente máis de 250 persoas de orixe galega de idade comprendida entre os 65 e os 96 anos. O acordo tamén permitirá garantir o funcionamento dun punto de información nesta cidade para divulgar, informar e asesorar á comunidade galega que alí reside dos programas e das actividades que executa, co obxecto de que poidan participar nas súas convocatorias, e que ademais contribúa na tramitación das solicitudes das e dos interesados. A este fin a Secretaría Xeral da Emigración destinará 30.000 euros. O responsable do departamento autonómico quixo, ademais, manter un encontro cos usuarios e usuarias destas instalacións, así como coa directiva encargada da súa xestión.

Horas despois o secretario xeral da Emigración desprazábase a São Paulo, a cidade máis poboada do Brasil, para formalizar unha segunda sinatura de carácter social. A Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro recibe hoxe a visita do representante autonómico quen, ademais de renovar o convenio que mantén coa entidade desde hai anos, charlará coas e cos usuarios do seu centro de día, principais beneficiarios do acordo. Trátase dunha entidade sen fins de lucro que posúe un Centro de Asistencia Social, unha obra de beneficencia, inaugurado o 22 de febreiro de 1983 co obxectivo de promover o apoio socio asistencial do adulto maior a través da súa atención integral con carácter de servizos preventivo, de saúde e asistencial. 

As e os nosos maiores, unha prioridade para Galicia
Mañá será a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro de Santos a entidade na que Miranda oficializará a continuidade da colaboración da Secretaría Xeral da Emigración. A sociedade na actualidade está a desenvolver unha importante política socio asistencial orientada a mellorar a asistencia social desinteresada e ampliar a asistencia médica en xeral das persoas da terceira idade necesitadas pertencentes á colectividade galega. Nas súas instalacións xestiona un ambulatorio médico, servizos de odontoloxía, oftalmoloxía, psicoloxía, e dispón dunha traballadora social, entre outros, ademais proporciona ao colectivo de emigrantes galegas e galegos actividades sociais, de esparexemento, cultural e recreativo e asistencia mutual e de saúde.

“Os nosos maiores ocupan, ocuparon e ocuparán sempre un lugar destacado nas prioridades do Goberno de Galicia. Tanto os que residen na Galicia territorial como os que o fan en calquera outro país do mundo merecen unha atención e uns coidados que non sempre se poden permitir contando só cos seus propios medios. É aí onde a Administración galega debe estar presente, dun xeito discreto pero activo, e é así onde queremos estar nós e o lugar que eliximos cada día, sexa dun xeito visible ou non”, sinalou Miranda.

Santos clausura a axenda institucional
A viaxe oficial do secretario xeral da Emigración chegará mañá ao seu fin coa visita institucional a Santos e coa celebración de dúas presentacións das diferentes medidas recollidas na Estratexia Retorna 2020 para facilitar o retorno á comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior.  

583 lecturas