Miranda viaxa ao Brasil para asinar os distintos convenios de colaboración con entidades sociais do país e reforzar os lazos institucionais

O secretario xeral da Emigración visitará varias das principais cidades brasileiras, como Río de Xaneiro, São Paulo e Santos.

O responsable do departamento autonómico manterá encontros con representantes do Goberno español nas diferentes urbes, así como coa colectividade grazas ás charlas de presentación da Estratexia Retorna 2020.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, emprende hoxe a súa primeira viaxe do ano ao Brasil, onde visitará varias das principais cidades do país e das que contan cunha maior presenza de cidadás e cidadáns galegos. O responsable do departamento autonómico empregará parte deste primeiro desprazamento ata o país suramericano para asinar algúns dos convenios de colaboración que mantén desde hai anos con diferentes entidades de carácter social e orixe galega, como a Casa de España de Rio de Janeiro e a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro tanto de São Paulo como a de Santos. 

A axenda institucional inclúe, así mesmo, reunións con varias e varios representantes do Goberno español nas diferentes cidades que se visitarán para reforzar os lazos e a estreita cooperación que rexe as relacións diplomáticas que mantén Galicia coa Administración central española no Brasil. Tamén a presentación das diferentes medidas recollidas na Estratexia Retorna 2020 para facilitar o retorno á comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior centrará parte dos encontros coa colectividade que levará a cabo Miranda nas diferentes cidades visitadas.  

Preto de 50.000 galegas e galegos
O Brasil é o segundo país do mundo cunha maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, con 48.691 residentes, só por detrás da Arxentina, que segue a encabezar a listaxe con máis de 178.000 galegas e galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con data 1 de xaneiro de 2019. Delas e deles 24.638 proceden da provincia de Pontevedra, 10.860 da Coruña, 11.164 de Ourense e 2.029 de Lugo. Do total cidadás e cidadáns galegos residentes en Brasil só o 23,38 %, é dicir, 11.386 foron nados en Galicia; o resto son descendentes xa nacidas e nacidos no país de destino.

868 lecturas