Miranda invita en Bonn aos galegos e galegas de Alemaña a volver a Galicia “nas condicións que máis se axusten ás súas necesidades” a través da Estratexia Galicia Retorna
O secretario xeral da Emigración rematou hoxe a campaña de presentación da EGR2026 que está a levar a cabo no país.
O documento presta especial atención ao eido laboral, de aí que representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines participasen no acto para ofrecer información detallada sobre o programa Retorna Cualifica Emprego.
A Xunta mantén aberto, así mesmo, o prazo de solicitudes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que ofrece aos mellores expedientes de galegas e galegos do exterior axudas para estudar un máster na Comunidade.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, rematou hoxe en Bonn a campaña de presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-26 en Alemaña informando das vantaxes laborais e educativas que ofrece a Comunidade Autónoma para garantir a integración efectiva dos retornados e retornadas a Galicia. A estratexia, tal e como explicou Miranda, ofrece un cento de iniciativas formativas, sociais e laborais, duplicando tanto as medidas como en orzamento ao anterior documento, aprobado en 2018 e que “supuxo un modelo a seguir para outras comunidades autónomas”.
Durante a presentación da nova Estratexia afondouse no feito de que o eido laboral e da formación gañaron protagonismo neste documento, xa que se trata de aspectos imprescindibles para asentar poboación. Así, no acto o máximo responsable de Emigración detallou os prazos, requisitos e características doutra das medidas estrela do documento, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo prazo de solicitude continuará aberto ata o 28 de abril e que oferta 250 prazas para realizar un máster nunha das tres universidades galegas.
Precisamente para expor os detalles do programa más novidoso que inclúe a EGR2026, o Retorna Cualifica Emprego, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, acompañaron ao secretario xeral en Bonn representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas da súa xestión. O obxectivo desta iniciativa é casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais das e dos retornados. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man.
A Estratexia Galicia Retorna conta cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto para seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior.
Novas relacionadas