A Xunta transmite en Frankfurt as iniciativas formativas e laborais que garanten o retorno efectivo a Galicia dos galegos e galegas de Alemaña

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, explicou en Frankfurt a Estratexia Galicia Retorna 2023-26,  que ten como obxectivo ofertar medidas de tódolos eidos que faciliten a integración plena na sociedade galega de aquelas e aqueles que regresan.

Xunto a Antonio Rodríguez Miranda, representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines achegaron máis datos ás e aos asistentes sobre o funcionamento do programa Retorna Cualifica Emprego, que ten como obxectivo ofertar formación e un contrato indefinido a 400 beneficiarias e beneficiarios do exterior.

A Estratexia Galicia Retorna presentouse hoxe en Frankfurt e mañá, 4 de marzo, presentarase en Bonn
A Estratexia Galicia Retorna presentouse hoxe en Frankfurt e mañá, 4 de marzo, presentarase en Bonn
Listen to this page using ReadSpeaker
Frankfurt (Alemaña), 3 de marzo de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou esta tarde en Frankfurt a Estratexia Galicia Retorna 2023-26, que ofrece un cento de iniciativas formativas, sociais e laborais co obxectivo de garantir o retorno efectivo a Galicia dos galegos e galegas do exterior, neste caso, das e dos residentes en Alemaña.

O país teutón conta con máis de 17.700, e é o segundo en Europa que recibiu a visita do responsable de Emigración da Xunta de Galicia, tras Suíza, de cara a explicar ás e aos galegos interesados no regreso as posibilidades que a Estratexia Galicia Retorna 2023-26 lles ofrece para o retorno a Galicia. 

Durante a súa intervención, Miranda recordou que “o Goberno galego está a traballar para ofrecer todas as medidas necesarias que garantan a integración das persoas que retornan, ben sexa a través de bolsas para estudar na Comunidade ou a través de medidas específicas para facilitar o acceso ao mercado laboral”. 

A nova Estratexia Galicia Retorna, que continúa a senda da anterior apoiándose nos bos resultados obtidos, aposta por catro eidos esenciais: a educación, o ámbito social, o asesoramento e fundamentalmente o ámbito laboral, “xa que un posto de traballo facilita a adaptación futura á sociedade e o establecemento definitivo do retornado”, segundo sinalou o secretario xeral da Emigración. Esta é a razón pola que a Estratexia destina 175 millóns de euros ao desenvolvemento de 37 medidas concretas no eido laboral, destacando o programa pioneiro Retorna Cualifica Emprego.

Precisamente para ofrecer detalles sobre esta novidosa medida na presentación, Miranda estivo acompañado dos representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas de xestionar este programa, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados e retornadas. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina.   

No eido educativo, o responsable de Emigración do Goberno galego salientou, así mesmo, outras das medidas estrela do documento, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo prazo de solicitude continuará aberto ata o 28 de abril e que oferta 250 bolsas para galegas e galegos do exterior que desexen realizar un máster nunha universidade galega e apostar por continuar a súa traxectoria profesional e vital en Galicia. 

A Estratexia Galicia Retorna conta cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto para seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior. O documento ten como obxectivo facilitar o regreso de 30.000 retornadas e retornados nos próximos 4 anos, tanto emigrantes como os seus e as súas descendentes.

236 lecturas